Ascender a Segunda B: obxectivo irrenunciable para un Pontevedra que comeza a pretempada
Por Alejandro Espiño
Arrinca oficialmente o Pontevedra 2013-2014. Novas caras e ilusións renovadas para un equipo que volve ao traballo cun obxectivo claro: o ascenso á Segunda División B. O estadio de Pasarón foi testemuña este xoves do primeiro adestramento da tempada, unha breve toma de contacto para que o cadro técnico puidese comprobar o estado de forma co que chegan os xogadores granates tralas vacacións. Para presenciar este primeiro ensaio arredor de medio centenar de seguidores nas bancadas, con cánticos de ánimo incluídos chegados dende Fondo Norte.
Foi a primeira vez que o novo adestrador granate, Nando, puido ver en acción aos que serán os seus xogadores para a próxima tempada. Cunha sesión moi lixeira, con carreira continua por Pasarón e algo de toque de balón, antes de finalizar cun pequeno partidiño. Un adestramento que transcorreu nun bo ambiente, o que garante o feito de que máis da metade do plantel continúa con respecto á tempada pasada.
Seguen un ano máis no Pontevedra o porteiro Lorenzo (aínda que podería saír en breve); os defensas Adrián Gómez, Caco, Pablo González e Yago Vázquez; os centrocampistas David Pérez, Iago Paz, Fran Fandiño, Jacobo e Tubo; e os dianteiros Richi e Santi Domínguez. A todos eles súmanse as novas fichaxes do equipo, Paco (porteiro), Miguel Vázquez (defensa), David García e Javi Otero (centrocampista) e Luismi e Benja (dianteiros).
Ademais, o porteiro Edu Sousa, xogador do filial pasa a ter ficha co primeiro equipo; o centrocampista Javi Nogueira volve do seu cesión ao Villalonga, e outros con ficha do B ou do equipo xuvenil realizarán a pretemporada ás ordes de Nando. Trátase de Uru e Bruno (defensas), Brais, Collazo, Tomás e Emilio (centrocampistas) e Kevin e Diego González (dianteiros).
Non participaron na estrea as novas fichaxes Miguel Vázquez e Benja, con permiso, mentres que Javi Otero, con problemas de costas, se exercitou á marxe do grupo baixo a atenta mirada da fisioterapeuta Nerea Videira.
En total, a data de hoxe o Pontevedra conta con 28 xogadores para realizar a pretempada co primeiro equipo, aínda que o plantel non está pechado e pode haber saídas e novas fichaxes nos próximos días. Nando centra as prioridades, como reiterou trala presentación de Luismi e Paco, na contratación dun punta "de referencia", un lateral esquerdo e un mediocentro que faga as funcións de peche "e que aporte experiencia ao equipo".
Tras este primeiro contacto, os xogadores do Pontevedra afrontarán este venres a súa primeira sesión dobre de adestramentos. Será ás nove e media da mañá en Príncipe Felipe e ás sete da tarde en Pasarón. Logo descansarán a fin de semana para retomar o traballo o luns de cara aos primeiros amigables desta pretemporada, pensando especialmente no partido que enfrontará ao Pontevedra CF co Deportivo da Coruña, o próximo 28 de xullo.