O Teucro mantén os prezos dos abonos a pesar de xogar esta tempada catro partidos máis
Por Redacción
Os socios son o valor do Teucro. Baixo ese eslogan o Teucro pon en marcha a precampaña de socios para a tempada 2013-2014. Animan aos afeccionados para que saquen o seu abono apelando ao seu sentimento polo equipo. "Queremos destacar a realidade de que o club está sobre uns cimentos que son os socios e que trataremos de facer máis grandes eses cimentos para garantir o futuro do club", sinalan desde a directiva.
Para iso e de acordo co eslogan desta tempada, poñen en marcha unha iniciativa que beneficiará a aqueles socios que máis participen e se impliquen co equipo, axudando ao club a saír adiante. Fano cuns abonos que manteñen os prezos da pasada tempada, pero con catro partidos máis este ano. Os socios protectores pagarán 300 euros, o carné familiar serán 200 euros, o senior 110 euros e os integrantes das peñas abonarán 100 euros.
Ademais, os socios bonificados (xubilados e parados) pagarán 60 euros e os estudantes 50 euros; mentres que os carnés xuvenil e infantil custarán 30 e 15 euros, respectivamente.
Cada socio que traia ao club un novo socio anual, de igual ou superior categoría, terá un desconto do 20% no seu abono, sendo unha oferta acumulable ata tras sacar o seu abono, de forma que pode lograr un desconto maior.
Os socios que desexen realizar o pagamento a través da súa entidade bancaria deben poñerse en contacto co club no teléfono 986 851 696 ou nas oficinas situadas no Pavillón Municipal dos Deportes.