Pasar un verán practicando natación, waterpolo ou squash: chega o campus de Rías do Sur
Por Alejandro Espiño
Pasar un verán practicando natación, waterpolo ou squash. ÿ o que propón o campus de verán aberto que organiza o Centro Deportivo Rías do Sur nas súas instalación de Ponte Muíños. Aberto a rapaces de 5 a 12 anos, trátase dunha actividade multidisciplinar que foi presentada este martes polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández; o presidente do Club Galaico, Miguel Cano e o xerente da empresa Supera, Julio Pita.
Segundo Julio Pita búscase que os rapaces pontevedreses "poidan ocupar o seu tempo de ocio no verán dunha forma formativa e activa, pero ao mesmo tempo que se sigan formando como persoas". De aí que ademais destas actividades deportivas, os nenos poidan exercitar a súa psicomotrocidade, coidar do medio ambiente, aprender inglés de xeito divertido, participar en obradoiros de manualidades ou introducirse ao body combat.
A oferta está aberta en quendas quincenais durante os meses de xullo e agosto, con horario de 9.30 a 13.30 horas. Hai servizo especial para madrugadores, co obxecto de axudar ás familias con dificultades derivadas do horario laboral dos proxenitores.
A inscrición está aberta ata o próximo día 14 deste mes de xuño e os prezos varían, a partir dos 60 euros por quincena, en función da duración e os servizos adicionais.
O campus estrutúrase en dous grupos de idade (de 5 a 8 anos e de 9 a 12 anos) e adapta as actividades a idade dos participantes. Para participar só se precisa roupa e calzado deportivo, toalla, bañador, gorro de baño, chanclas e roupa para cambiarse.
Servirá tamén, segundo destacou o presidente do Club Galaico, Miguel Cano, para que os maís novos tomen contacto coas actividades acuáticas "e saquemos deles futuros nadadores de competición". Para elo, técnicos do club colaborarán cos monitores da empresa Supera na formación e nas actividades que se realizarán na piscina olímpica
Para máis información hai que dirixirse á recepción do centro de Ponte Muíños ou consultar na rede: www.centrosupera.com e www.facebook.com/SuperaRiasDoSur.