O Arxil, campión galego de minibasket tras derrotar (54-40) ao Compañía María de Vigo
Por Redacción
Novo éxito das categorías inferiores do Arxil. O equipo pontevedrés proclamouse campión galego de minibasquet. Foi este fin de semana na Estrada, localidade na que se celebraron as fases finais galegas de categoría minibasquet e benxamín, e que se converteu seguro nun lugar que as xogadoras tardarán en esquecer.
Non foi unha vitoria fácil, non só porque no último mes e medio haxan ter que xogar os oitavos e cuartos de final. A semifinal contra o Cluny de Santiago estivo a piques de acabar co soño das pontevedresas. Tras uns 48 primeiros minutos desastrosos por parte do equipo verde, puideron remontar e chegouse ao remate do partido con empate no marcador.
Foi nos cinco minutos da prórroga cando as arxilistas despregaron un xogo brillante, e por primeira vez en todo o partido demostraron o que saben facer. Cun rotundo 18-0, a base dunha defensa case perfecta e rápidas transicións, as pontevedresas conseguían unha merecida praza na final galega.
Unha final que se disputaría contra o Compañía María de Vigo, un equipo moi peleón e cun xogo moi ordenado en ataque. A maior rotación das pontevedresas permitiulles marcar un ritmo de xogo moi alto e as doce xogadoras aportaron na anotación do equipo. En ningún momento baixaron a garda en defensa, o que dificultaba o ataque das viguesas, provocando perdas de balón que as verdes transformaban en canastra.
Na segunda parte, co Compañía 1 punto arriba, as pontevedresas sabían que era o momento do tirón final e saíron á pista coa mesma intensidade do primeiro minuto. Aos poucos as viguesas foron dando mostras de cansazo, chegando tarde en defensa, cometendo faltas e con erros de face ao aro. Cun parcial de 30-15, demostraron a maior solvencia do bloque arxilista, e leváronse a vitoria por 54-40.
En total, doce xogadoras colgáronse a medalla de campioas. Foron elas as que lle deron forma ao equipo CB Arxil "A" de minibasquet durante esta tempada 2012/2013, e que representan ás súas 55 compañeiras coas que comparten pista nos adestramentos e pupitre na escola. Competiron a nivel federativo con catro equipos minibasquet e un benxamín, dos cales tres participaron na liga galega da súa categoría.
A maioría destas nenas, destacan desde o club, coñeceron este deporte a través do 3x3 escolar que organiza o Arxil para os colexios da cidade. Un evento que se celebra desde hai máis dunha década, e que grazas ao apoio dos mestres de educación física e á colaboración das institucións, "resulta moito máis que unha convivencia de baloncesto na rúa, xa que moitos deses nenos e nenas participan actualmente en ligas federadas, a través dos clubs da cidade".