Meaño e Pontevedra acollen este fin de semana senllos partidos da Selección Galega de balonmán contra Israel
Por Diego Espiño
Galicia xogará este fin de semana o seu noveno e décimo partido como selección nunha dobre cita ante Israel en Meaño (sábado 18:00 horas) e Pontevedra (domingo 12:30 no Municipal) nos que a entrada será gratuíta.
O combinado galego, adestrado por Javier Barrios e Quique Domínguez, volve disputar un encontro internacional co obxectivo de permanecer invicto, ao non ter perdido dende que en 2006 empezou a xogar con asiduidade.
A Federación Galega, representada polo seu presidente José Luis Pérez Ouro, asegurou na presentación do evento en Pontevedra, que ademais de confirmar o bo nivel do balonmán galego, traer un dos partidos á capital provincial responde, aínda que minimamente, a unha compensación despois do acontecido co España-Suíza, "Pontevedra merecía o España-Suiza, aínda que é pouco o desagravio que podemos ter pola nosa parte é traer este partido e gustaríame que a afección respondese".
CRÍTICAS Á FEDERACIÿN ESPAÿOLA POLO CAMBIO DO ESPAÿA-SUÍZA
José Luis Pérez Ouro, acompañado do concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, e do presidente da Sociedad Deportiva Teucro, Carlos García-Alén, volveron criticar na súa comparecencia o xeito de actuar do presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, despois de que fixese caso omiso do acordo para celebrar na cidade de Lérez o España-Suíza levando o partido a León.
Ademais da queixa trasladada á propia Federación, o Concello de Pontevedra enviou unha carta ao responsable da Federación Española de Municipios e Provincias explicando o caso e nos próximos días fará o propio coa Federación Europea (EHF). Pola súa banda, Pérez Ouro confirmou que o balonmán galego, no seu conxunto, pedirá explicacións na asemblea que a Española celebrará o próximo 22 de xuño, "está claro que isto foi un berrinche dun señor ou ter que pagar certos favores".