Presentan o Campionato de España de Tiro con Arco que se celebrará no Mercantil os días 8 e 9 de xuño
Por Diego Espiño
As instalacións do Casino Mercantil e Industrial en Mourente acollerán os días 8 e 9 de xuño o Campionato de España de Tiro con Arco nas modalidades de arco tradicional e arco nu.
Preto de 150 deportistas daranse cita en Pontevedra nunha competición que conta con algunhas diferenzas con respecto á modalidade olímpica máis coñecida polo gran público.
As distancias dos disparos son de 18 e 30 metros, aínda que a diferenciación chega nas especialidades, xa que o arco tradicional se caracteriza por estar construído totalmente en madeira, ademais de usarse frechas con plumas naturais, mentres o arco nu é o actual, como o que pode verse nos Xogos Olímpicos, pero sen engadidos ou axudas como estabilizador ou visores.
O campionato arrancará o sábado 8 ás 15:00 horas nas roldas clasificatorias e finalizará o domingo 9 cunha xornada matinal de 10:00 a 14:00 horas coas eliminatorias, todo iso coa entrada gratuíta para o público.
Para intentar promover o evento o club organizador, o Boa Vila, decidiu realizar unha exhibición este sábado día 1 de xuño na Avenida Monteiro Ríos dende as 10:00 hora, unha actividade coa que queren darse a coñecer na cidade, como recoñece Rafael Gil, "quizás Pontevedra nos conozca por la Feira Franca pero queremos demostrar que somos algo más".
RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS
A xornada de exhibición completarase coa participación cidadá dando a opción aos asistentes a practicar a súa puntaría. A cambio de poder lanzar seis frechas só pedirase un euro ou un quilo de alimentos non perecedoiros. Todo o recadado será entregado ao Comedor Social de San Francisco.