O Arousa Fútbol-7 cumpre a súa maioría de idade cunha edición de luxo
Por Diego Espiño
As promesas do fútbol nacional e internacional danse cita unha vez máis en Vilagarcía coa disputa este fin de semana da Arousa Fútbol-7.
O torneo cría cumpre 18 anos consolidado como unha cita de referencia nas competicións de base lonxe daquela primeira edición de 1996 disputado no campo do Mundialito entre seis equipos da provincia e que se levou o Salgueiriños.
Agora o Arousa Fútbol-7 conta cun cartel de luxo no que figuran 16 equipos: Real Madrid, FC Barcelona, Inter de Milán, Porto, Benfica, Atlético de Madrid, Sevilla, Valencia, Espanyol, Deportivo, Celta, Sporting de Gijón e os catro procedentes da previa, Portonovo, Xuventú Oroso, O Val e Lanzarote.
Todos os mozos futbolistas aspiran a levantar o trofeo de campión que defende o Atlético de Madrid e de paso seguir o camiño de moitos futbolistas, hoxe profesionais, que pasaron polo torneo, unha longa lista na que figuran nomes como Thiago Alcántara, Jordi Alba, Sergio Canales, Mario Suárez, Esteban Granero, Ander Iturraspe, Bojan Krkic, Hugo Mallo ou Erik Lamela.
O partido inaugural da edición de 2013 será o Inter de Milán-Lanzarote este venres ás 11:00 horas, ao que seguirán 11 encontros máis só na primeira xornada nun intenso calendario ata a final do domingo (17:15 horas).
A canle de televisión nacional Marca TV retransmitirá en directo 26 dos encontros repartidos nos tres días de competición.