O pontevedrés Félix García e o vigués Martín de la Puente, subcampions do Mundo júnior de tenis en cadeira de rodas
Por Diego Espiño
O equipo español júnior de tenis en cadeira de rodas formado polo pontevedrés Félix García Pérez e o vigués Martín de la Puente proclamouse subcampión do Mundo no campionato celebrado en Antalya, Turquía.
A parella galega só cedeu nunha apertada final (2-1) ante Gran Bretaña despois dun torneo sobresaínte no que chegaron invictos á final rematando primeiros do seu grupo despois de gañar na primeira fase, ademais de aos seus rivais polo título (2-1), a Estados Unidos (2-1) e Tanzania (3-0) e superando nas semifinais a Rusia (3-0).
Xa na eliminatoria decisiva Martín de la Puente logrou poñer en vantaxe ao conxunto español no primeiro punto dos partidos individuais impoñéndose a Lauren Jones (6-2 e 6-0), número tres do ránking feminino, mentres Félix García caía ante o número un mundial sub-18, Alfie Hewett, por 6-0 e 6-1.
No punto decisivo, o de dobres, Félix e Martín lograron anotarse a primeira manga pero non puideron evitar que os británicos desen a volta ao partido e á eliminatoria levándose o encontro no super tie-break cun marcador de 4-6, 7-5 e 10-4.