Bertamiráns, último escollo dun Arosa pendente de Ferrol, Celta B, Compostela e Deportivo B
Por Diego Espiño
O ascenso dun equipo galego a Segunda B pode supoñer que o Arosa recupere o seu sitio na Terceira División. Para iso, intentando facilitar a faena, o conxunto arlequinado deberá impoñerse ao Bertamiráns na promoción dos terceiros clasificados de cada grupo da Rexional Preferente.
O gañador desa eliminatoria, que terá o seu primeiro envite no estadio da Lomba o próximo domingo día 26 e a volta sete días máis tarde en Bertamiráns, se beneficiría dese ascenso, pero se fosen máis os equipos galegos que triunfaran no xa sorteado play-off a Segunda B, poderían subir ademais os cuartos clasificados de Preferente, Portonovo e Laracha, que tamén se miden para dilucidar a orde en que serían adxudicadas as prazas, sendo o primeiro choque na localidade coruñesa e a volta en Baltar.
Ante este panorama cobran especial relevancia os emparellamentos de Ferrol, Celta B, Compostela e Deportivo B.
O que máis sinxelo o ten é o campión da Terceira Galega, o Racing de Ferrol, que se enfrontará ao Club Deportivo Laudio, primeiro do grupo vasco, na eliminatoria de campións, na que o vencedor ascenderá de xeito directo. O conxunto ferrolano xogará ademais a volta na Malata ante un equipo alavés que xa caeu hai un ano ante o Ourense no play-off.
O resto de eminatorias con equipos galegos é o CD Cortes (Navarra)-Celta B, SD Compostela-CD Ebro (Aragón) e Deportivo B-UD Cornellá (Cataluña). Todos eles deberán afrontar tres roldas antes de poder lograr o ascenso.