Cinco equipos loitan polo ascenso nunha última xornada de infarto na Rexional Preferente
Por Diego Espiño
Cinco equipos en só tres puntos coa última xornada por disputarse. Con semellante ecuación os últimos 90 minutos da tempada na Rexional Preferente preséntanse non aptos para cardíacos.
Coa zona baixa máis despexada a atención céntrase en coñecer que dous equipos lograsen o ascenso directo a Terceira División. Nesa tarefa o líder Cultural Areas (72 puntos) e o segundo clasificado, o Portonovo (70), son os únicos que dependen de si mesmos. Se o Areas puntua na casa do Atios se asegurará o salto de categoría pero se perde estaría a expensas dos seus perseguidores e dos empates simples ou entre varios equipos nos que podería saír prexudicado.
Pola súa banda ao Portonovo só lle vale o triunfo fóra de casa ante o Arenteiro, que pelexa por escapar dos arrastres que poderían levalo ao descenso. En caso de empate Sanxenxo, Arosa e Choco poderían adiantar aos de Ricardo Fernández.
O terceiro en discordia é o Xuventú Sanxenxo (69). O sufrido empate ante o Portonovo en Baltar ademais de evitar o ascenso do seu veciño dálle aínda opcións na última xornada. Os amarelos reciben no seu campo o Valladares. Ao ter o parcial perdido co Areas, salvo triplos ou cuádruplos empates só ten ao seu alcance precisamente o Portonovo, polo que necesita unha picada deste e por suposto lograr os tres puntos na casa. Ao gañar os de ÿscar García terían moitas posibilidades polo menos de conservar a terceira praza, que tamén podería a final de tempada valer o ascenso.
Empatados a puntos con Sanxenxo están ademais Arosa e Choco. O conxunto vilagarciano, despois dunha impresionante remontada dende que Piscis se fixo cargo do banco chegou con vida contra prognóstico ao último partido, aínda que as súas posibilidades son reducidas. Os arlequinados deben gañar ao Pontellas na Lomba e esperar os tropezos dos seus rivais. Ten o parcial gañado con Areas e Sanxenxo e perdido con Sanxenxo e Choco, saíndo prexudicado nalgúns dos posible empates múltiples.
Pola súa banda o Choco mídese ao Marín, xa descendido, a domicilio. As opcións do equipo redondelano pasan por gañar e que se deixen puntos Portonovo e Sanxenxo.
O horario dos partidos unificouse e todos os encontros con algo en xogo se disputarán o domingo ás 17:30 horas.