A II Carreira Popular Concello de Poio espera reunir o domingo preto de 600 deportistas de todas as idades
Por Diego Espiño
ÿ só a segunda edición pero a Carreira Popular Concello de Poio, que se celebra o próximo domingo día 19, espera reunir ata 600 deportistas de todas as idades para gozar dunha xornada lúdica.
Dende as 10:00 horas arrancarán unhas actividades coas que se queren fomentar os hábitos de vida saudables, tal e como recolle o lema elixido para promover o evento, "move o teu corazón, apúntate a unha vida mellor".
Unha andaina, segundo a concelleira de Deportes Marga Caldas "para que participen os que non poidan correr", precederá á proba absoluta, programada para as 10:30 horas nun percorrido de 7 quilómetros dende A Seca pasando por Campelo e volta. Unha vez rematada esta proba será a quenda das categorías benxamín e alevín, infantil e cadete e prebenxamíns respectivamente ás 11:30, 11:45 e 12:00 horas nunha distancia reducida acorde á idade de cada neno.
Concello de Poio e organización da carreira quixeron resaltar o carácter solidario da proba, que recadará alimentos non perecedoiros para ser entregados aos servizos sociais. Por ese motivo optouse por pedir un quilo de comida a xeito de inscrición.
Todos os interesados en participar poden anotarse na mesma saída dende as 9:00 horas ata dez minutos antes do comezo ou anticipadamente a través do correo electrónico inscripcioncarreiradepoio@yahoo.es.