León quere arrebatar a Pontevedra o partido que a Selección Española de balonmán ía disputar no Municipal
Por Diego Espiño
O acordo estaba pechado dende hai semanas, mesmo a Federación Europea anuncia na súa web que a sede do partido entre España e Suíza do próximo 16 de xuño é Pontevedra, pero o novo presidente federativo, Francisco Blázquez, pretende romper o compromiso e levar ese encontro da campioa do Mundo a León.
Aínda que ata o momento non se asinara o convenio de colaboración correspondente, o compromiso, que partía da anterior directiva presidida por Juan de Dios Román, era firme, pero necesitaba a rúbrica do novo dirixente.
A idea de celebrar o encontro en Pontevedra, última xornada da fase de clasificación para o Europeo de Dinamarca 2014, partiu do propio Juan de Dios Román coa intención de axudar no posible á Sociedad Deportiva Teucro e que así puidese acceder a uns ingresos extraordinarios, contribuíndo en parte ao saneamento do vicedecano do balonmán nacional.
O Teucro, como organizador, levaríase os ingresos da venda de entradas e o 30% da publicidade
Ao ser designado o club lerezano como organizador do partido, unha parte da publicidade (30%) e a recadación pola venda de entradas irían parar ás maltreitas arcas do club, que á súa vez podería ingresar a través deste evento diñeiro correspondente a subvencións atrasadas polo concurso de acredores. A seguridade na designación era tal que o Teucro mesmo incluíu a previsión de ingresos do partido no plan enviado a Hacienda, co que se pretende pactar un aprazamento no pagamento da débeda.
En lugar de suceder isto, a axuda podería pasar a outro club con problemas, o Ademar León, a teor do anunciado polo concelleiro de Deportes da localidade castelá este mesmo mércores, asegurando que o acordo para organizar o España-Suíza estaría moi próximo.
O posible cambio de sede do encontro transcendeu durante a celebración da fase de ascenso en Irún, onde os medios de comunicación desprazados ao evento, entre eles PontevedraViva, puideron coñecer a noticia, se ben o responsable municipal de Deportes pediu discreción no asunto ante a fraxilidade das negociacións abertas entre Concello e Federación.
O cambio vese en Pontevedra como un castigo á Federación Galega por apoiar a candidatura de José Javier Hombrados
Dende Pontevedra, á vista dos acontecementos, enténdese a manobra de Francisco Blázquez como un castigo á Federación Galega por apoiar nas recentes eleccións á candidatura encabezada por José Javier Hombrados.
Ademais do choque internacional o acordo establecía que Pontevedra se convertería en sede do combinado nacional durante toda a concentración e por espazo dunha semana, ao ter que afrontar o equipo adestrado xa por Manolo Cadenas outro partido uns días antes contra Portugal en Guimaraes. O custo desta estanza roldaba os 10.000 euros.
En caso de producirse o cambio de sede, o Concello asegura que estudará solicitar unha compensación económica á Federación.
Relacionadas:
-
Consúmase a 'traizón' a Pontevedra: A Federación de Balonmán vende a León o España-Suiza
Por Alejandro Espiño |
-
Con nocturnidade e aleivosía Blázquez deixa a Pontevedra sen o España-Suíza de balonmán para darllo a León
Por Ramiro Espiño |
-
A Selección Española de balonmán xogará en Pontevedra o 16 de xuño ante Suíza
Por Redacción |