O Pontevedra recupera efectivos na súa volta aos adestramentos
Por Diego Espiño
A volta ao traballo do Pontevedra parece deparar boas noticias para os futbolistas que aínda arrastran diversas molestias físicas. Milo Abelleira, salvo contratempo, poderá contar con todos eles para o importante compromiso ligueiro do próximo domingo ante o Celta B en Pasarón.
Sergio Lloves completou a sesión sen problemas despois da conmoción sufrida no quecemento do partido ante o Somozas e pola que tivo que pasar a noite no hospital. Ademais do gardameta, Tubo adestrou sen resentirse dun golpe no ombreiro que se produciu tamén o domingo, ao igual que Sestelo, con dor na cadeira e que se exercitou, aínda que a menor ritmo que o resto dos seus compañeiros.
Os dous xogadores que seguen con problemas son Jacobo, con molestias no xeonllo que arrastra dende a pasada semana e Richi, que se resentiu coa sesión mediada do golpe no xemelgo que xa lle fixo quedar fóra da última convocatoria.
O que complicou os plans de Milo é a intensa chuvia destes días. O técnico granate tiña previsto realizar a sesión preparatoria en Pasarón, pero optouse por trasladar o adestramento a Príncipe Felipe para non estragar o céspede do estadio. Mañá o equipo volverá exercitarse na Cidade Infantil, deixando para o venres a cita no campo do Burgo, se a climatoloxía o permite.
Inundación no sintético da Xunqueira
A cantidade de auga caída nas últimas horas provocou a inundación parcial do campo de herba sintética da Xunqueira, dificultando durante toda a xornada o traballo dos diversos equipos de base da cidade.