O Teucro chega a Irún convencido das súas posibilidades
Por Diego Espiño
A expedición do Teucro estableceu xa o seu cuartel base en Oiartzun, unha pequena localidade situada a moi poucos quilómetros de Irún e Hondarribia, onde os azuis se xogarán este fin de semana o ascenso á máxima categoría do balonmán nacional.
Para ascender o equipo lerezano necesita vencer nas semifinais (sábado 17:00 horas) ao anfitrión do play-off, o Bidasoa, no pavillón de Hondartza, en Hondarribia, unha pista que non puideron pisar os xogadores no adestramento que Javier Barrios programou nada máis chegar ao País Vasco por estar ocupado, tendo que desprazarse ata Hernani.
O técnico teucrista dedicou a sesión a exercicios suaves para que os seus homes puidesen relaxar a musculatura e soltar nervios horas antes dunha competición que supón un premio á boa tempada do equipo, despois de partir co obxectivo de manter a categoría.
As entradas para as semifinais están esgotadas, polo que o pequeno pavillón de Hondartza se converterá nunha pota a presión en contra dos azuis, moi motivados no que supón a primeira experiencia neste tipo de partidos para moitos dos integrantes do equipo.
Balonmano Alcobendas e Ángel Ximénez de Puente Genil protagonizarán a segunda semifinal (sábado 19:30). Os gañadores xogaranse unha praza en Asobal só un día despois, o domingo ás 12:30 horas, esta vez xa no pavillón de Artaleku, cun aforamento de preto de 2.000 espectadores.