A presión federativa fai efecto e o Teucro espera contar con 85 entradas para a fase de ascenso
Por Diego Espiño
A afección do Teucro poderá estar presente finalmente no play-off de ascenso á Liga Asobal que o seu equipo disputará en Irún o próximo fin de semana.
A presión exercida na Federación Española pola directiva azul xunto ao resto de equipos presentes na fase de ascenso, Balonmano Alcobendas e Ángel Ximénez de Puente Genil, parece ter dado os seus froitos e o presidente teucrista xa dá por feita a adxudicación de 85 entradas á expedición pontevedresa, entre as que se inclúen as destinadas a familiares e directivos pero nas que tamén entrará a viaxe en autobús dos afeccionados que organiza o club.
Carlos García-Alén: "Es una mala gestión, demuestra que la fase de ascenso se le ha quedado grande al Bidasoa"
Este cambio nas pretensións do Bidasoa, que inicialmente pretendía entregar só 25 entradas por equipo, non enmascara non obstante a sensación de caos na organización da final a catro, que foi duramente criticada por Carlos García-Alén, "es una mala gestión, demuestra que la fase de ascenso se le ha quedado grande al Bidasoa".
O dirixente lerezano asegura que parte dos billetes sairán das entradas que devolvan os demais participantes, "no podíamos admitir menos de ese número, creo que las vamos a tener pero a costa de una mala gestión. Todos los clubes deberían tener su cupo, teniendo en cuenta el aforo del pabellón no deberían ser menos de 90 por equipo".
García-Alén, que asegura sentirse ilusionado co reto que o Teucro teñen por diante, entende de todos os xeitos que as entradas adxudicadas se van quedar curtas tendo en conta as peticións que recibiron de persoas que se desprazarán a Irún pola súa propia conta.