Teresa Portela avanza con paso firme cara as medallas
Por Oskar Viéitez
Teresa Portela avanza con paso firme cara ás medallas, despois de conseguir o pase directo á final nas súas respectivas probas. Tamén disputarán a final Roi Rodríguez e Rodrigo Germade.
Este sábado ás 9:00 da mañá comezaban as probas de piragüismo dos XVII Xogos do Mediterraneo de Tarragona na canle de Casteldefells.
O equipo español desprazado á competición tarraconense tivo unha destacada actuación clasificando de forma directa para as finais de medallas ás cinco embarcacións participantes.
Teresa Portela gañaba as dúas series correspondentes ao K1 500 e 200 metros. Na proba do medio quilómetro impúxose con claridade cun tempo de 01:52.998 milésimas, por diante da deportista de Serbia Milica Starovic (01:53.133) e a croata Ana María Govorcinovic. Cincuenta minutos máis tarde Portela volvía demostrar o seu bo momento de forma vencendo a súa serie cun tempo de 00:40.941 milésimas. A padeeira de Cangas competirá mel domingo ás 10:00 e 10:40 respectivamente.
Pola súa banda, Roi Rodríguez cruzaba a liña de meta no K1 500 metros en primeira posición cun tempo de 01:39.053 milésimas, en segunda posición chegaba o serbio Stefan Vekic (01:39.961) e terceiro o italiano Alessandro Gnecchi (01:40.071). Roi, actual recordman mundial da distancia buscará a gloria mañá ás 10:10.
A parella formada por Rodrigo Germade e Marcus Cooper cumpriron cos prognósticos gañando a súa serie de clasificación con solvencia para asegurarse a súa presenza na final de medallas que se celebrará mañá ás 11:20.
Por último, o zamorano Carlos Garrote actual campión de Europa en K1 200 metros, tamén aseguraba a súa presenza na fina da distancia nestes xogos.