Támara Echegoyen, a só un paso de facer historia na Volvo Ocean Race
Por Redacción
Será lembrada pase o que pase como a primeira muller española en participar e completar a Volvo Ocean Race, pero Támara Echegoyen quere máis.
A regatista pontevedresa está a só un paso de poder celebrar o primeiro triunfo nacional na xeral da Volta ao Mundo a Vela, aínda que para iso o Mapfre do Real Club Náutico de Sanxenxo deberá superar a última etapa da prestixiosa competición, que este xoves se inicia en Goteborg (Suecia).
Cun triplo empate na cabeza da clasificación, todo decidirase nas 700 millas de percorrido que separan esta localidade sueca de La Haya, en Holanda, a través dun percorrido infestado de obstáculos.
As contas son sinxelas, entre os tres aspirantes con opcións gañará o equipo que chegue a meta por diante dos seus rivais, independentemente de que outro dos barcos participantes poida levar o triunfo de etapa.
Serán en total uns tres días de navegación nos que se prevén desde ventos fortes durante as primeiras 24 horas ata condicións de calma nas últimas millas de etapa. Todo un sprint final no que as zonas de exclusión, principalmente as situadas no Mar do Norte debido ao tráfico marítimo e ás plataformas petrolíferas, serán protagonistas definindo as estratexias de cada un dos equipos.
Támara Echegoyen volve figurar na tripulación do Mapfre para a etapa 11, facendo así pleno en todas etapas da actual edición da Volvo Ocean Race.