Comeza a era Dani Díaz no Poio Pescamar
Por Redacción
Dani Díaz xa está á fronte da nave do Poio Pescamar, planificando xunto ao presidente do club o plantel coa que competirá a próxima tempada.
O novo adestrador do equipo, que substitúe no cargo a Marcio Santos, volve á Seca tres anos despois de ser axudante de Morenín, e faino co reto de tentar dar un paso adiante para consolidar o Poio entre os clubs punteiros da máxima categoría.
Tras uns anos traballando en Lugo e colaborando ademais co Parrulo ferrolán, Dani Díaz asume os galóns xunto a David Riveira, que será o seu segundo de abordo e que tamén é un vello coñecido para a entidade, na que estivo a coordinar a base.
Ambos os dous técnicos foron presentados este mércores oficialmente no pavillón municipal da Seca.
En plena época de descanso deportivo, a atención céntrase agora en pechar a confección do plantel, no que seguirá Daniella Sousa un ano máis para sumarse ás xogadoras que xa estaban confirmadas como Silvia Aguete, Ale de Paz, Jenny Lores e Antía Pérez. A que non continuará no equipo é Patri Corral.