Un San Xoán para gozar do BTT en Portonovo
Por Redacción
Portonovo converterase no centro de atención do BTT galego durante o día de San Xoán, xornada que esperan arroxe un rexistro histórico de participantes na competición organizada polo Team Corbelo.
A zona de Punta Cabicastro será escenario do Campionato Galego de BTT na modalidade de Cros Country Olímpico, que coincidirá ademais coa sexta edición do Mini BTT Concello de Sanxenxo para as categorías de base (10:30 horas).
En canto á competición autonómica, dará comezo ás 16:30 horas nas súas diferentes categorías, defendendo título Adrián Valverde (elite), Lucía Vázquez (elite), Samuel González (Sub23), Irene Trabazo (Sub23) e os veteranos José Ramón Castelo (Castro Barbudo) en M50, Alex Trasbach (Racing) en M40 e Marcos Mayo (O Treito) en M30.
Pola súa banda nas categorías inferiores haberá novos reis e raíñas autonómicas, xa que a vixente campioa junior, Sara García (Mugardos) non competiu esta tempada e no resto de idades os gañadores da pasada edición subiron de categoría. O o caso do campión junior en 2017 Iván Feijóo (Maceda) e dos cadetes Carlos Canal (Maceda) e Andrea García (Maceda).
A praia de Canelas acolleu este luns a presentación de ambos os dous eventos coa presenza do concelleiro de Deportes, Jesús Sueiro, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o presidente do club organizador, Iván Pérez, xunto ao seu directivo Tomás Basdedios e o ciclista Ringo Deza.