Os equipos da Gimnástica manteñen a categoría
Por Redacción
Obxectivo cumprido para a Sociedad Gimnástica na última e decisiva xornada das ligas nacionais, na que os seus dous equipos pelexaban pola permanencia.
Ata Elxe desprazouse o conxunto masculino, que estará un ano máis en División de Honra, despois de realizar un bo papel na final a oito. Os pontevedreses finalizaron segundos con 106 puntos, só superados por Unicaja Atletismo (111) e non pasaron apuros para lograr a súa meta, dando por concluída a tempada na novena posición da máxima categoría.
Alberto Guerrero (800 metros), Ignacio Sarmiento (400 valos), Ricardo Gayá (triplo salto), Víctor Gallego (peso) e a remuda 4x400 lograron senllos triunfos parciais nas súas respectivas probas.
Os equipos que finalmente perderon a categoría foron o ISS - L'Hospitalet e o Universidad Oviedo.
O EQUIPO FEMININO, EN VALENCIA
Máis apurada foi a permanencia do bloque feminino na Primeira División, polo apertado da última xornada, aínda que as pontevedresas lograron finalmente concluír o ano na duodécima posición entre os 18 clubs da categoría, sendo CEA Tenerife 1984 e JA Sabadell os descendidos.
Con todo, aínda que con poucos puntos de marxe, a Gimnástica foi cuarta na final pola permanencia con 89 puntos, finalizando por detrás de Oviedo con 122, Silla 98 puntos e Hinaco Monzón 93 puntos.
Andrea González en xavelina logrou a única vitoria do día para a Sociedad, mentres que Iria Filgueira (martelo) e Paula de la Torre (800 metros) foron segundas e contabilizáronse ata catro terceiros postos por medio de Marta Barragáns en lonxitude, Lucía Ferrer en 100 valos , Cristina Garrido en 100 lisos e Inés Martínez en salto de altura.
Relacionadas:
-
A Gimnástica organizará por segundo ano consecutivo un encontro da Primeira División Feminina de atletismo
Por Diego Espiño |
-
Antía Chamosa, Andrea González e Raquel Meaños, subcampioas de España sub20
Por Redacción |
-
A Gimnástica, ben representada nos campionatos de España Sub-20 e Sub-18
Por Redacción |
-
Os equipos da Gimnástica xogarán a permanencia en Elxe e Valencia
Por Redacción |
-
Os equipos da Gimnástica, abocados a loitar pola permanencia
Por Redacción |
-
A Gimnástica inicia as ligas nacionais con senllos terceiros postos
Por Redacción & Mónica Patxot |