O Mapfre de Támara Echegoyen chega líder á última etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción
Todo se decidirá na última etapa. Na regata decisiva saberase se Támara Echegoyen convértese na primeira española en proclamarse vencedora da Volvo Ocean Race.
O Mapfre no que navega a pontevedresa, embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, recuperou a última hora deste venres o liderado da Volta ao Mundo a Vela despois de chegar a Goteborg en segunda posición na meta da Etapa 10.
O desafío español apertou ata o último metro na busca do triunfo de etapa, pero non puido cun Team Brunel que lle avantaxou en só un minuto e 55 segundos.
Con este segundo posto, o Mapfre suma un total de 65 puntos, os mesmos que o vencedor desta décima etapa, Brunel, pero tal e como indican as regras da volta ao mundo o desempate rompe a favor do mellor situado na xeral das regatas costeiras, o que favorece aos do Náutico de Sanxenxo.
O terceiro na xeral é agora Dongfeng cun total de 64 puntos nun triplo empate virtual, debido a que se espera que a embarcación chinesa some un punto extra ao final do percorrido ao ser o que menos tempo investiu ao longo da Volvo Ocean Race.
Desta forma todo queda por decidir a falta de só unha etapa, entre Goteborg e A Haya, con 700 millas de percorrido que comezarán o xoves 21 de xuño. O mellor clasificado dos tres equipos proclamarase vencedor da prestixiosa regata oceánica.