Máis de 650 piragüistas cítanse no Grove no Nacional de Ríos e Travesías
Por Redacción
Un sábado de piragüismo no Grove, se a climatoloxía permíteo.
Máis de 650 padexeiros daranse cita na localidade meca este sábado 16 de xuño para tomar parte no Campionato de España de Ríos e Travesías, organizado polo Club Breogán e que atopou no vento e a ondada a un inimigo inesperado.
A proba deportiva, que dará comezo ás 17:30 horas nas inmediacións do parque infantil de Peralto, manterase se non hai cambios de última hora nos datos meteorolóxicos, pero tivo que buscar unha alternativa nas últimas horas por se se cumprían os peores prognósticos. Neste sentido chegouse a contactar con Pontevedra para celebrar a competición ao abrigo da ría.
O percorrido da regata será saíndo das proximidades do parque infantil de Peralto cara á ponte da Toxa, ata unha ciaboga que estará a altura do parque das Besadas (A Graña), onde os deportista terán que dar a volta para logo rodear a Illa da Toxa no sentido das agullas do reloxo. Os padexeiros deberán dar unha ou dúas voltas segundo a categoría (cadete, xuvenil, senior e veteranos), con saídas en intervalos de dous minutos.
Este campionato nacional serve ademais como acto central da conmemoración do 40 aniversario do Club Breogán.