Polémica Teucro-Bidasoa polas entradas para a fase de ascenso: "es como para plantearse no ir"
Por Diego Espiño
O número de entradas que o Bidasoa reservou para o resto de equipos participantes no play-off de ascenso á Liga Asobal axitou os ánimos na directiva da Sociedad Deportiva Teucro.
O conxunto vasco ofrece tan só 25 entradas a cada equipo, as destinadas habitualmente por cortesía para familiares e directivos, unha cifra moi afastada ás 100 que solicita o Teucro para que os seus afeccionados poidan estar presentes na cita e que irritou o presidente azul, Carlos García-Alén, "esto me parece un abuso y un escándalo, es lo más parecido a una encerrona".
Carlos García-Alén: "Esto me parece un abuso y un escándalo, es lo más parecido a una encerrona"
A razón que esgrime o Bidasoa é o escaso aforamento do pavillón de Hondartza, onde se disputarán as semifinais, con 656 persoas sentadas e 92 de pé despois dunha redución por motivos de seguridade aconsellada pola Ertzaintza. Só cos seus socios, aproximadamente 750, o equipo local podería encher o pavillón, e ademais o club organizador decidiu dar prioridade aos seus aboados empezando este mesmo luns a venda dos tíckets de xeito preferente.
Ante esta situación a directiva azul dirixiuse ao presidente da Federación Galega, José Luis Pérez, para que este elevase a súa queixa á Española, onde confirmaron que deben reservarse entradas para as afeccións de todos os participantes. De non se cumprir con ese requisito, García-Alén empeza a valorar adoptar unha decisión drástica, "es como para plantearse no ir, estaríamos en inferioridad de condiciones".
Polo momento o Teucro segue anotando a todos os interesados en acudir á fase de ascenso no autobús organizado polo club, unha expedición que xa conta con preto de 20 inscritos pero que se espera complete o autocar.
O prezo do aboamento para os dous días de play-off quedou fixado en 35 euros para o público xeral, 20 euros se a entrada é para unha soa xornada. O prezo redúcese a 15 e 10 euros respectivamente para os socios do Bidasoa.