Portas abertas para promocionar o balonmán en Poio
Por Redacción
Aumentar a implantación do balonmán no municipio é o obxectivo do Poio Artai e a escola deportiva municipal que dirixe. Por iso o pavillón da Seca acolleu este martes unha xornada de portas abertas e de promoción do seu deporte.
O club quere aumentar a captación de xogadores e xogadoras para todas as categorías, aínda que con especial interese centra os seus esforzos na creación do primeiro equipo feminino da entidade, en categoría infantil feminina, nun proxecto que conta con seis nenas confirmadas.
Tamén na categoría infantil masculina búscase completar o plantel para poder competir a próxima tempada.
Na Seca deuse a oportunidade para probar o balonmán a nenos e nenas desde os 6 anos de idade cunha xornada na que ademais dun adestramento público realizáronse outras actividades lúdicas como xogos populares e obradoiros de pintado de caras.
Todo esforzo é pouco para seguir ampliando a familia do club, cuxo equipo senior chegou a xogar na Primeira Nacional masculina.