Bea Gómez, Lydia Pérez ou Teresa Portela, representantes da comarca nos Xogos do Mediterráneo
Por Diego Espiño
Un total de 3.622 deportistas de 26 nacionalidades. Son os impresionantes números de participación dos XVIII Xogos Mediterráneos que se disputarán a partir do próximo venres 22 de xuño en Tarragona e que contarán con varios representantes do deporte pontevedrés.
O Comité Olímpico Español confirmou o equipo nacional que tomará parte nos xogos, un total de 398 deportistas entre as diferentes disciplinas incluídas no programa.
Alí estará por exemplo a pontevedresa Bea Gómez Cortés para participar nas probas de natación, fixadas para os días 23, 24 e 25 de xuño. En concreto, a actual nadadora do CN Sabadell competirá nos 200 estilos, fixados para o domingo 24 de xuño.
Outra deportista da cidade será Lydia Pérez Touriño na modalidade de loita olímpica, cuxa competición está prevista os días 25, 26 e 27. Lydia apurou a súa preparación a pasada semana cunha concentración no CAR de Madrid no que mediu o seu estado de forma ante medallistas mundiais e olímpicas, como a tunisiana Marwa Al- Amri ou a sueca Sofía Mattsson.
En atletismo Frank Casañas, deportista cubano afincado desde hai anos na cidade de Lérez, desde onde preparou por exemplo a súa participación en Río 2016, foi seleccionado polo equipo español para competir no lanzamento de disco. As probas atléticas disputaranse entre o 27 e o 30 de xuño.
Tamén estará en Tarragona a piragüista Teresa Portela, buscando os postos de honra na modalidade de kaiak os días 23 e 24 de xuño, sen esquecer a outros representantes da zona como os cangueses Solange Pereira (atletismo) ou Rodrigo Germade (piragüismo) que tamén estarán presentes no evento.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Lydia Pérez, unha deportista rápida, intelixente e resistente
Por Marisa Ciordia |
-
Lydia Pérez perde o combate polo bronce nos Xogos Mediterráneos
Por Alejandro Espiño |
-
Lydia Pérez optará ao bronce nos Xogos Mediterráneos tras caer en semifinais
Por Redacción |
-
Bea Gómez Cortés, cuarta nos 200 estilos, a un paso das medallas nos Xogos Mediterráneos
Por Redacción |
-
Teresa Portela, ouro en K-1 200 metros nos Xogos do Mediterráneo
Por Alejandro Espiño |
-
Lydia Pérez pon a súa mira nos Xogos do Mediterráneo
Por Redacción |