As vacacións pontevedresas de Alejandro Vázquez e Mikel Saizar
Por Ramiro Espiño
Coincidiron no Pontevedra durante tres tempadas (2006/07, 2007/08 e 2008/09), suficiente para forxar unha amizade que perdura pasados os anos, cando un, Alejandro Vázquez, xa se retirou do fútbol, e outro, Mikel Saizar, apura os seus últimos anos en activo defendendo a portería do Burgos.
Os dous futbolistas que tantas tardes de bo fútbol deixaron no Pontevedra, aproveitan esta fin de semana para gozar unhas horas xuntos, e reunirse con amigos nunha cidade que para eles sempre será especial, e na que sempre son recibidos con moito agarimo, como así puideron comprobar nos seus paseos polas rúas, onde numerosos afeccionados recoñecíanlles e saudaban.
PontevedraViva foi testemuña do seu reencontro, acompañados das súas familias, este venres en plena praza da Peregrina. O defensa asturiano vive apartado do fútbol na súa terra natal, mentres que o porteiro vasco, que tras a súa marcha de Pontevedra chegou a debutar en Primeira División co Córdoba, continúa en activo no Burgos aos seus 35 anos, club co que renovou contrato para a próxima campaña.
Ambos comentaban que seguiran ao Pontevedra con interese e preocupación durante a tempada recentemente finalizada, alegrándose por alcanzar a permanencia. Vázquez, que vestiu a camiseta granate durante sete tempadas, bastantes delas como capitán, dará por finalizadas estas curtas vacacións o domingo, mentres que Saizar prolongará a súa estancia en Pontevedra ata o luns. Ambos quixeron mandar unha mensaxe de gratitude a unha afección que "siemprenos trató bien" e a unha cidade na "que nos encontramos en casa".