Ampla representación pontevedresa no Europeo de piragüismo en Belgrado
Por Redacción
Quenda para un dos grandes retos da tempada para o piragüismo pontevedrés, o Campionato de Europa Absoluto Sprint que se disputará desde o vindeiro venres 8 de xuño en Belgrado.
O equipo nacional diríxese a Serbia cunha notable representación galega e pontevedresa. Ata 11 deportistas galegos tomarán parte na competición nas que se darán cita 700 padexeiros de 40 países.
Os campionatos comezarán oficialmente o xoves coa cerimonia de apertura, pero será o venres cando empecen as competicións coas semifinais das probas de 1.000 e 500 metros. O sábado as primeiras medallas outorgaranse nas finais de 1.000 metros e celebraranse as eliminatorias de paracanoe, mentres que para o domingo están reservadas o resto das finais de 500 e 200 metros, así como as tres probas de 5.000 metros.
Os primeiros deportistas da comarca en entrar en acción serán a dupla Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar), que tomarán a saída ás 10:58 do venres na segunda eliminatoria do C-2 1.000 metros co obxectivo de conseguir unha das tres primeiras prazas que dan acceso directo á final.
Ás 14:25 Natalia García (Breogán do Grove) competirá en K-2 500 metros xunto á catalá Laia Pelachs, e 30 minutos despois será a quenda da pontevedresa Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) no C-2 500 xunto a Patricia Coco, onde as tres primeiras da eliminatoria clasificaranse para a final. Ademais Jácome participará na proba de C-1 200 metros.
Tampouco hai que esquecer aos cangueses Teresa Portela no K-1 200 metros e a Rodrigo Germade dentro dun K-4 que completan tres campións olímpicos como Saúl Cravioto, Cristian Toro e Marcus Cooper.
O último en competir no Europeo será Tono Campos, xa que o grovense competirá o domingo na final de C-1 5.000 metros.
Relacionadas:
-
Adrián Sieiro, Teresa Portela e Tono Campos, cuartos na última xornada do Europeo de Belgrado
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo colgan o bronce no Europeo de Belgrado
Por Redacción |
-
Pase directo á final europea para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo
Por Diego Espiño |
-
A Copa de España de Xóvenes Promesas de Piragüismo queda na casa
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Gómez Noya, Echávarri ou Támara Echegoyen, bolseiros do Plan ADO para 2018
Por Diego Espiño |
-
O Breogán do Grove, protagonista da Copa de España de maratón disputada en Pontevedra
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |