A diferenza entre o coach e o psicólogo deportivo é que o primeiro traballa sobre obxectivos concretos e coa xestión emocional; e o segundo traballa sobre o rendemento. Con este punto aclaratorio comezamos o Cara a cara con Diego Núñez, coach deportivo que traballou ao unísono con Quique Domínguez durante a súa etapa de adestrador doTeucro. Un técnico ao que cualifica como "valente" e polo que profesa respecto e admiración.
A día de hoxe aínda non hai unha presenza profesional xeneralizada do coach sobre o traballo emocional co deportista porque "nesta sociedade dinnos que non podes ser vulnerable, mostrar as túas debilidades porque se non che pisan e segue sendo algo tabú".
Esta sociedade de dualidades, como vitoria-derrota ou éxito-fracaso, fai que a práctica profesional dun coach deportivo incida en como asumir e xestionar esas circunstancias: o resultado ten ser consecuencia dunha serie de factores, se se traballan ben eses factores "a parte física, mental e táctica e perdes, hai que felicitar ao rival. Non fracasaches porque perder non é sinónimo de fracaso".
Pola contra "o éxito como resultado non dá a felicidade, como mellora de vida si; o problema é que está asumido como resultado".
Falamos do caso de Iniesta, que recentemente acaba de falar en televisión da depresión pola que pasou. Unha circunstancia pouco frecuente en deportistas de elite como el. "Temos gravado a lume unha serie de crenzas e unha delas é que non che podes mostrar porque se resultas vulnerable van golpear por todos lados, estamos nunha sociedade de competencia. Por tanto, eu deportista de elite, como vou dicir que fun a un psicólogo?".
Tamén saen nesta charla de PontevedraViva Radio os egos entre deportistas de elite. "O ego é necesario cando está ao teu servizo, cando ti estás ao servizo do ego é cando tes os problemas", exemplo que concreta na figura de Cristiano Ronaldo "que se queixa de que non lle dan agarimo. Son desexos dunhas necesidades non cubertas; por tanto cando temos unhas necesidades que queremos cubrir sentimos mal"; e aperace igualmente a palabra soberbia.