Repaso do Villalonga que esmaga (4-1) a un lamentable Pontevedra que di adeus ás súas opcións de xogar o play-off
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Dous equipos xogábanse seguir mantendo opcións de alcanzar os seus obxectivos na presente tempada. Un, o Villalonga, para escapar dos postos de descenso. Outro, o Pontevedra, para seguir o ronsel dos que loitan polo ascenso. Ao termo do partido, cos papeis cambiados e visto o xogo e o resultado, un non pode menos que preguntarse cal dos dous era o que aspiraba ao ascenso e cal manter a categoría.
Foi moito Villalonga, demasiado, para un pobre Pontevedra. Mentres os celestes creron nas súas posibilidades e demostraron ter estudado á perfección como xogarlle ao rival, os granates saíron a xogar sen encontrar en ningún momento o seu sitio no campo nin como facer dano aos seus contrarios.
Cando un adestrador ten que facer dous cambios simultáneos, sen que lle obriguen as lesións, en pouco máis de media hora de xogo, claramente é que ese adestrador se equivocou na formulación do partido, ben ao escoller os homes, ao sistema utilizado, ou ambas as dúas cousas.
En fútbol adóitase dicir que o que funciona non hai que cambialo. O Pontevedra funcionou unha semana antes fronte ao líder, pero Milo Abelleira quixo "inventar" no momento menos oportuno e arrastrou o seu equipo a unha derrota dolorosa, polo modo en que se produciu e polo feito de que supón a perda matemática de calquera opción a disputar a fase de ascenso.
A outra cara da moeda foi para un Villalonga magnífico. Na súa formulación, no seu comportamento sobre o cesped, na súa posta en escena e na fe con que se empregaron todos os seus xogadores. Un Villalonga que simplemente pasou por enriba do Pontevedra, esmagándoo co seu xogo e ridiculizándoo cunha goleada que nin os máis optimistas afeccionados locais podería ter soñado.
Resultado merecido e ata se antolla que corto en canto á diferenza de xogo e ocasións que houbo entre ambos os dous contendentes. Abonde dicir que en toda a primeira parte o Pontevedra unicamente a balón parado, nas faltas botadas por Santi Domínguez, conseguiu crear perigo, pero nin unha sóla xogada ganduxada partiu das botas dos seus xogadores, que ademais daban síntomas dunha fraxilidade defensiva alarmante.
Jorge Fernández, que xa avisara nunha primeira aproximación, sacouse da chistera un golazo antolóxico, dende propio campo, máis de 55 metros de distancia, cando á media volta solta un disparo parabólico que sorprende a Lloves. Era o 1-0 e o principio do fin para o Pontevedra. Máis cando dous minutos máis tarde Fran Matos fai o segundo, ao aproveitar as facilidades da zaga e porteiro visitantes. Só ían 19 minutos de xogo e empezaba a quedar claro que ou gañaba o Villalonga ou perdía el mesmo, xa que o Pontevedra simplemente non estaba no partido.
Milo fai dous cambios para seguir xogando ao mesmo. Fútbol directo buscando unha segunda xogada que nunca chegaba, porque a intensidade, a anticipación, estaba de parte dos de Julián Ferreiro. Iso si, cando nas túas filas hai un lanzador de faltas como Santi Domínguez, sempre queda unha esperanza. Roberto Pazos salvou a primeira, pero non puido coa segunda, que entrou pola escuadra ao fío do descanso. Antes o árbitro anulara un gol a Fran Matos, por fóra de xogo, en saída tardía de Lloves.
O Pontevedra saíra vivo dunha primeira parte brillante do cadro local e lamentable por parte granate. O resultado, sendo negativo, era o mellor duns primeiros 45 minutos para esquecer por parte visitante.
Pero se mala foi a primeira parte para o Pontevedra, a segunda foi aínda peor. O Vilalonga xuntou máis as súas liñas, deixando que o Pontevedra caese na súa propia trampa. O fútbol directo dos granates, como único recurso, só facilitaba a contención local e as súas rápidas saídas á contra. Jorge Fernández, por dúas veces, está a punto de facer o terceiro para o seu equipo nos catro primeiros minutos do segundo tempo. Stefan, de cabeza, daba unha tímida resposta.
Logo, o desastre granate. Un posible penalti de Caco sobre Machu. O terceiro gol de Uru, de novo aproveitando o despiste defensivo e o fallo de marcaxe no segundo pau. Outro penalti, este máis que claro, non sinalado por derrubamento de Cristóbal Juncal a Jorge Fernández, e o cuarto gol, logrado por Ramón case co tempo cumprido, grazas á "amable" defensa visitante, como premio para un Villalonga grande e castigo para un Pontevedra humillado e condenado a penar unha tempada máis en Terceira División.
VILLALONGA, F.C. (4): Roberto Pazos (2); Leo (2), Marc (2), Miguel (2), Saúl (2); Tenorio (2), Javi Nogueira (2); Uru (3), Machu (3), Fran Matos (2); e Jorge Fernández (3).
Sustitucions: Ramón (2) por Machu, minuto 71. Quini (1) por Jorge Fernández, minuto 75. Isma (s.c.) por Fran Matos, minuto 88.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Lloves (1); Cristóbal Juncal (0), Caco (1), Pablo (0), Adrián (0); Tubo (0), Moisés (0), Jacobo (1), Nano (0); Richi (0) e Santi Domínguez (1).
Sustitucions: Stefan (1) por Moisés, minuto 33. Yago Vázquez (1) por Nano, minuto 33. Buba (1) por Adrián, minuto 69.
Árbitro: Alejandro Vázquez García (A Coruña), auxiliado nas bandas por Iván Patiño Pedreira e Daniel Pérez Montouto. Amoestou a Marc, Jorge Fernández, Saúl, Fran Matos, Javi Nogueira, Uru, Adrián e Jacobo.
Goles: (1-0) Minuto 17: Jorge Fernández, á media volta dende campo propio, lanza un disparo parabólico que sorprende a un adiantado Lloves. (2-0) Minuto 19: Fran Matos gaña as costas a Adrián e bate de preto a Lloves, que dubida na súa saída. (2-1) Minuto 43. Santi Domínguez en falta directa dende a frontal que se coa pola escuadra. (3-1) Minuto 68: Gran xogada de Machu, con balón interior para Fran Matos que centra para que Uru, só no segundo pau, remate pracer. (4-1) Minuto 90: Tiro de Quini que rexeita co pé Lloves e Ramón, ante a pasividade da zaga granate, empurra baixo paus co peito.
O presidente do Pontevedra denuncia ante a Garda Civil de Sanxenxo ter sido increpado e o seu coche zarandeado por seguidores granates ao termo do partido
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Boa entrada con máis de 900 espectadores, boa parte deles afeccionados visitantes que saíron moi descontentos da actuación do seu equipo. Algúns seguidores pontevedreses increparon o presidente granate ao finalizar o partido, cando abandonaba as inmediacións do campo, zarandeando o seu vehículo, segundo denuncia presentada por Mauricio Rodríguez ante a Garda Civil de Sanxenxo.
VESTIARIOS:
MILO ABELLEIRA: O adestrador pontevedrés non dubidaba en autoinculparse da derrota, se ben sorprendía ao non considerar un fracaso que o seu equipo non alcanzase o obxectivo mínimo de clasificarse para o play-off: "Empezamos moi mal, francamente mal. Non colliamos ningún segundo balón e cada ataque que chegaba á nosa defensa sempre tiñamos moitos problemas. Eran todo imprecisións, todo nerviosismo. A culpa foi miña por meter algúns xogadores que crin que podían dar algo máis, pero que non o fixeron e eu confúndome aí e teño que pédilles perdón por metelos. Logo ao facer os cambios tivemos máis opcións, pero o terceiro gol deles deixounos sen nada que facer. Non estou de acordo en que non tivésemos intensidade. Repito que houbo xogadores que eu me confundo ao poñelos, porque non son para este campo, pero todo o mundo puxo todas as ganas, aínda que houbo xogadores que estiveron moi nerviosos, pero non por falta de intensidade nin de ganas".
Milo Abelleira: "Fracaso é o resultado de hoxe, o outro, quedar quintos con todos os equipos que hai diante, non"
"A realidade é que nos deixamos as opcións de estar arriba contra equipos da zona baixa. Deixámonos moitos puntos en campos como este, ou o de Narón, Céltiga e outros. Fracaso é o resultado de hoxe, o outro, quedar quintos con todos os equipos que hai diante, non. Sabiamos dende o principio que era complicado, pero nós co presuposto que temos o único temos mellor ca eles é a afección, que hoxe se levou un desgusto grande,".
"Seguiremos defendendo a camiseta do Pontevedra ata a última xornada. Logo se me quedo como director deportivo ou como adestrador seguir traballando para alcanzar os obxectivos. Aínda non falamos claramente deste tema. O Consello está a valorar todo e supoño que verán o que se pode facer, pero agora non é momento de falar diso, que estamos todos amolados".
Julián Ferreiro: "Fomos superiores, creamos moitas ocasións de gol e foi o partido soñado"
JULIÁN FERREIRO: Feliz pola vitoria e polo xogo do seu equipo, así estaba o adestrador local, ao que traizoou o subconsciente e falaba do Negreira, o seu anterior equipo, en lugar do Villalonga: "Non creo "que o resultado sexa inxusto. Fomos superiores, creamos moitas ocasións de gol e foi o partido soñado. Gañamos con solvencia e con todo merecemento. Estivemos ben no aspecto defensivo e tamén en ataque. Os primeiros 15 minutos o partido estivo igualado, pero o gol de Jorge e logo o segundo tan rápido o Pontevedra acusouno, tivo que facer cambios e ás veces cando o plan A non funciona, recorrer ao plan B tampouco dá resultado. Nesta categoría poñerse por diante é moi importante, sobre todo nun campo destes, pequenos. Iso fixo que eles xogasen moi directo e nós tiñamos ese aspecto moi traballado e saíunos ben".
"Facíanos moita falta gañar, polos puntos e pola confianza. Pode que si, que o fútbol directo que intentou o Pontevedra nos facilitase as cousas, pero ben, neste campo combinar é difícil, o que hai que saber facer é traballar os segundos balóns e nós fixémolo moi ben. Agora iremos a polo Celta B sabendo que será complicado, pero temos que xogar coa mesma intensidade porque este ano a salvación está moi cara".