Sen marxe de erro para Villalonga e Pontevedra en San Pedro
Por Diego Espiño
Con só nove puntos en xogo ata o final de liga Villalonga e Pontevedra enfróntanse en San Pedro (domingo 17:30 horas) coa obriga de conseguir a vitoria para seguir aspirando á permanencia os locais e a entrar no play-off na parte granate.
Para tan importante cita o Pontevedra recuperou a maioría dos futbolistas que arrastraron molestias durante a semana, como Jacobo, Caco ou Cristóbal Juncal, sendo a única baixa para Milo Abelleira a de David Pérez, con problemas musculares dende o encontro do pasado domingo ante o Racing de Ferrol.
O técnico lerezano podería repetir o once das últimas semanas co cambio obrigado no extremo zurdo. Milo dubida entre dúas opcións para substituír a David Pérez, unha sería situando a Nano nesa posición, e a outra dar entrada a Stefan para aproveitar a súa embergadura pensando nas reducidas dimensións do terreo de xogo de San Pedro.
No bando celeste Julián Ferreiro esperará ata última hora a ver a evolución de dous homes importantes como Machu e Saúl. O dianteiro cambadés está practicamente descartado por unha elongación muscular, mentres no caso de Saúl, que sufriu un golpe nas costelas no choque de Copa Deputación do pasado mércoles ante o Sanxenxo, Ferreiro espera que remita a dor que sofre e que poida así entrar no once inicial.