Poio Pescamar dá a sorpresa e arrinca un punto de ouro en Alicante (3-3)
Por Redacción
Un gol en propia porta das locais, no último minuto, culminou un partidazo do Poio Pescamar na súa visita a un dos candidatos ao título de liga como Universidad de Alicante, para darlle ás "rojillas" un punto de ouro que lles permite depender de si mesmas na última xornada na Seca, para conservar a sétima praza e con ela o dereito para estar en Cádiz, disputando a Copa de España.
Máis emoción imposible para unha última xornada na que catro equipos teñen opcións a proclamarse campións. Atlético Navalcarnero, Universidad de Alicante e Roldán, os tres con 70 puntos, e Burela, cun menos, xogaranno todo no último partido de liga, mentres Poio Pescamar e Penya Esplugues, dispútanse a sétima e última praza copeira, cun punto de vantaxe para as de Marcio Santos, que recibirán na Seca a un sempre incómodo El Pozo Murcia, que chega cos deberes feitos e sen xogarse nada.
As galegas necesitaban polo menos un punto nunha das pistas máis complicadas da categoría para chegar ao último partido dependendo de si mesmas. En fronte estaba un dos "cocos", Universidad de Alicante, que podía sentenciar a liga de gañar, tras o empate do Atlético. Iso trouxo como consecuencia un partido vibrante, no que a iniciativa correspondeu ao conxunto local, que foi sempre por diante, pero non puido cun Poio Pescamar sensacional, que soubo remontar e atopar o premio que buscaba e necesitaba no último suspiro.
Moita intensidade nos primeiros compases de partido. As pontevedresas poñían as primeiras ocasións claras de gol, que facían empregarse a fondo á internacional Jenny baixo paus. A tensión no partido facía que nin unhas nin outras dominasen o xogo con comodidade. O primeiro tanto do partido subíao ao marcador Carmen García desde os dez metros, xa cun Poio cargado de cinco faltas.
Dous minutos máis tarde, Pao Cartagena anotaba o segundo a pase de Ángela, chegando ao descanso cun cómodo 2-0 para as locais.
Na continuación, Ángela estrelaba un novo remate no poste e a continuación Iría reducía distancias cun potente disparo. Un minuto despois chegaba a igualada por mediación de novo de Iria á saída dun córner.
Aos 25 minutos, Sara Navalón de forte remate en xogada persoal permitía ás locais volver a adiantarse. As universitarias prodigábanse en labores ofensivas en busca de ampliar a súa renda, ante un conxunto pontevedrés que loitaba por empatar de novo, ata que a pouco máis dun minuto para o final Mónica Castillo, en propia porta, establecía o empate definitivo.
UNIVERSIDAD ALICANTE FSF (3): Jenny; Lara Terrés, Carmen García, Sara Navalón e Elenita (quinteto inicial). Tamén xogaron, Mónica, Mónica Castillo, Ana María Piñeiro, Paula Morote, Pao Cartagena e Lara Terres.
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Iria, Ale de Paz, Jenny e Ceci (quinteto inicial). Tamén xogaron, Yolanda, Patricia, Delise e Daniela.
Goles: 1-0, min. 16 Carmen García (dobre penalti). 2-0, min. 18 Pao Cartaxena. 2-1, min. 23 Iria. 2-2, min. 24 Iria. 3-2, min. 25 Sara Navalón. 3-3, min. 39 Mónica Castillo (propia porta).
Incidencias: Pavillón Universitario (Alicante). Uns 150 espectadores.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar parte cara a Cádiz coa ilusión de facer un bo papel na Copa de España
Por Redacción |
-
Sufrimento con final feliz para o Poio Pescamar, que estará na Copa de España (3-2)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar, con todo o plantel para pechar o seu pase á Copa de España
Por Redacción |
-
Poio organizará o Campionato de España Infantil Feminino de fútbol sala
Por Redacción |
-
Goleada do Poio Pescamar ante o Majadahonda (9-3) para manterse en posto copeiro
Por Redacción |