Continuidade para o novo proxecto do Ribadumia
Por Redacción
O proxecto de Club Deportivo Ribadumia con Luís Carro á fronte da parcela deportiva terá continuidade para a próxima tempada.
O club aurinegro non tardou moito desde o final da competición en anunciar a renovación de todo o corpo técnico, primeiro paso cara á composición do equipo que volverá competir na Terceira División.
Nun ano complicado, polo gran número de cambios no planteo que houbo que afrontar no verán, no Ribadumia quedaron satisfeitos polo labor deportivo, pechando a liga nunha cómoda duodécima posición, escapando con solvencia non só do descenso senón das posibles prazas afectadas por arrastres.
A intención da entidade da Senra é agora buscar a continuidade de boa parte do equipo, primeiro paso antes de pensar en novas incorporacións.