O Arosa queda ás portas do playoff de ascenso e o Céltiga seguirá na Terceira
Por Redacción
O do Arosa era unha misión (case) imposible. A derrota ante o Alondras da semana pasada deixaba aos de Jorge Otero cunha única posibilidade para meterse no playoff de ascenso a Segunda B. Debían gañar ao Noia e esperar que os de Cangas non vencesen en Bergantiños.
O seu parte resolvérona con solvencia na Lomba, vencendo por 3-0 ao Noia. Pero non foi suficiente. A vitoria do seu rival en Bergantiños (0-1) impide ao Arosa loitar polo ansiado ascenso, ao terminar quinto na clasificación con 67 puntos, dous menos que o Alondras.
Os vilagarciáns non atoparon oposición nun Noia que, a pesar de xogarse o descenso, en ningún momento inquietou aos locais. Un hat-trick de Javi Pazos, un dos homes máis en forma do Arosa durante toda a tempada, acabou coa aventura dos do Barbanza na Terceira División. Pero, desgraciadamente, non foron suficientes para os arlequinados.
O primeiro gol de Javi Pazos chegou no minuto 19 e, pouco despois, o xogo estivo interrompido durante máis de quince minutos pola lesión de José Piñeiro, xogador do Noia que tivo que abandonar o campo nunha ambulancia.
Coa atención posta en Carballo, o Arosa sentenciou o partido no minuto 41 co segundo tanto de Javi Pazos. O 3-0 definitivo, tamén obra do pontevedrés, chegaba no minuto 88.
Consulta a acta do Arosa-Noia.
O CÉLTIGA SÁLVASE
Se a cruz da xornada foi para o Arousa, a cara foi para o Céltiga. Os da Illa de Arousa, que dependían de si mesmos, certificaron a súa permanencia na Terceira División galega tras derrotar por 2-0 ao Ourense CF.
Dous goles, un de Jacobo Tato (minuto 21) e outro de Manuel Santos (minuto 39), deron tres puntos vitais ao Céltiga que, con este triunfo non terá que estar pendente dos arrastres que se producirán polos descensos de Cerceda e Rácing de Ferrol e, o que poida ocorrer co Coruxo, que deberá xogar o playoff de permanencia en Segunda B.
Consulta a acta do Céltiga-Ourense.
A xornada en Terceira incluíu dous partidos que, a efectos de clasificación, non eran transcendentais para os nosos equipos: o Boiro-Ribadumia e o Somozas- Villalonga.
O Villalonga despediuse da categoría cunha severa derrota por 5-1. O Somozas adiantouse no marcador cos goles de Hugo Criado e Jacobo Millán. Os pontevedreses recortaron distancias no minuto 30 grazas a un penalti transformado por Aarón Paredes. Os goles de Quique Cubas e de Gerardo por partida dobre colocaron o resultado final no electrónico.
Consulta a acta do Somozas-Villalonga.
O Ribadumia, pola súa banda, coa permanencia asegurada desde hai unhas semanas caeu por 4-3 en Boiro. Igor de Souza (minuto 1) e Marcos Remeseiro (minuto 35) adiantaron aos locais, pero os do Salnés remontaron e colocáronse 2-3 con tantos de Hugo Soto, Rubén e Filgueira. O Boiro tardou pouco en reaccionar e, dous minutos despois (minuto 79), Igor empataba a 3 o partido. O 4-3 definitivo foi obra de Elier Carreño (minuto 84).