A Segunda B e a Terceira División, patas arriba ante unha posible reestruturación
Por Diego Espiño
A proposta de reestruturación para as categorías de Segunda División B e Terceira División aprobada este venres no IV Congreso Nacional de Fútbol Afeccionado pode supoñer unha importante revolución que non deixará indiferente a ninguén.
Esta proposta, impulsada por Marcelino Maté e referendada polos participantes no congreso, afástase da defendida polo fútbol galego (2 grupos de 20 equipos), e propón dividir a categoría nunha 'serie 1', na que se incluirán os 20 mellores equipos da categoría, e unha 'serie 2' na que entreraían os 60 restantes separados en tres grupos de competición no que seguiría primando a proximidade xeográfica.
Desta maneira os 5 mellores equipos de cada grupo pasarían a completar a nova categoría, mantendo a presenza dos equipos filiais na Segunda División B.
Pola súa banda na 'serie 2' un dos grupos estaría composto por equipos de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-León, País Vasco e A Rioxa.
En canto á Terceira División, tamén se estruturaría en dúas series, a primeira con 6 grupos cos mellores equipos do país e a segunda composta por 18 grupos coa separación actual por comunidades autónomas.
Aprobada no congreso do fútbol afeccionado celebrado estes días en San Sebastián, esta proposta será agora levada á Asemblea da Real Federación Española de Fútbol para a súa ratificación, último trámite necesario para darlle oficialidade e podendo converterse nunha realidade na tempada 2019/2020.