Tres prazas de descenso máis o play-out para cinco equipos, así será a infartante última xornada da 2ªB
Por Diego Espiño
Nun puño. Así está a clasificación da Segunda División B a falta dunha sola xornada para o final da competición regular. Ata cinco equipos mantéñense con opcións de permanencia separados por tan só tres puntos.
Entre eles disputarase unha infartante última xornada, en horario unificado (domingo, 18:00 horas), na que só un salvarase da queima, mentres que outro acudirá ao purgatorio do play-out e tres perderán a categoría.
Nesta loita, o que mellor o ten a pesar do seu tropezo ante o Unión Adarve é un Pontevedra que segue dependendo de si mesmo, ao estar con 42 puntos polos 40 do Toledo (play-out) e o Coruxo, xa en descenso xunto a Racing de Ferrol e Segoviana, ambos os dous con 39 puntos.
As contas para os granates son claras, se gañan manterán a categoría. Os problemas chegan se non conseguen os tres puntos en xogo no Cerro do Espino ante o Atlético de Madrid B, onde xogarán a vida. Nese caso, cun empate, terían polo menos asegurado eludir o descenso directo, pero non así o play-out, que dependería de que o Toledo non gañe a un Fabril que xoga o primeiro posto.
O Pontevedra podería mesmo salvarse perdendo en Madrid, aínda que entón necesitaría que non gañasen Coruxo, Toledo e Gimnástica Segoviana. Doutra banda se o Racing de Ferrol vence e non o fan Toledo e Coruxo o Pontevedra tamén se salvaría ao contar co average ao seu favor con respecto aos departamentais.
Na última xornada, ademais do partido entre Atlético B (10º con 51 puntos) e Pontevedra, o duelo máis complicado será o do Ferrol na casa ante o Rayo Majadahonda (1º), que loita polo campionato, mentres que o Coruxo visitará ao San Sebastián de los Reyes (9º), e a Gimnástica fará o propio co Unión Adarve (11º), completando a xornada o mencionado Toledo-Fabril (2º).
Relacionadas:
-
Todo ao granate, non vai máis!
Por Diego Espiño |
-
David Añón: "Imos todos a deixarnos a pel para manter o Pontevedra na Segunda B"
Por Diego Espiño |
-
"Es una semana que todo el mundo quiere que pase rápido y llegue el domingo"
Por Diego Espiño |
-
Autobuses de balde para acompañar o Pontevedra na final pola permanencia
Por Redacción |
-
O árbitro do Pontevedra-Adarve denuncia na acta un enfrontamento verbal con Lupe Murillo
Por Diego Espiño |
-
A seguir sufrindo. O Pontevedra non pode con Unión Adarve (0-0) e necesita gañar en Madrid
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |