Un medio maratón, BTT, trail, tríatlon e unha travesía a nado, así é o "Depo Desafío 2018"
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de lanzar o "Depo Desafío 2018" unha novidosa competición deportiva que se desenvolverá entre xullo e outubro por sete concellos da provincia e que inclúe cinco probas diferentes que van dende a carreira a pé, ata a travesía a nado en mar, o tríatlon, a carreira en bicicleta de montaña BTT e o trail.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto aos alcaldes e alcaldesas e representantes dos concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Vigo, presentou este luns esta iniciativa enmarcada no Plan Estratéxico de Deportes.
A primeira das probas terá lugar o 22 de xullo entre os concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda e consistirá nunha carreira a pé á beira do Miño, nun percorrido de 21 quilómetros e 97 metros que rematará aos pes do monte de Santa Trega.
O segundo desafío levarase a cabo o 12 de agosto e consistirá nunha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e a illa da Toxa. Pola súa banda, tamén en agosto, terá lugar a terceira proba que estará centrada no trail polo concello da Cañiza, un percorrido de 15 quilómetros con espectaculares vistas.
A cuarta cita será o 16 de setembro e consistirá nunha BTT por Cerdedo-Cotobade a través de 35 quilómetros cheos de múltiples escollos.
A última das probas será o 7 de outubro no concello de Vigo, na praia de Samil, e consistirá nun tríatlon na modalidade distancia sprint con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira.
O martes 8 de maio a partir das 9.00 horas, ábrese o prazo para inscribirse no "Depo Desafío 2018". En total, admitiranse un máximo de 300 participantes e terá un custo de 30 euros por persoa, que inclúe a participación en todas as probas, que terán categoría masculina e feminina.
En cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Sen embargo soamente gañarán o "Depo Desafío 2018" a muller e o home que finalicen ao menos 4 probas e consigan os máximos puntos. Recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, que inclúe voo e aloxamentos.