As habituais desconexións cústanlle a derrota ao Cisne en Gijón (30-25)
Por Redacción
Sen tensión competitiva e con moitas baixas que nesta ocasión non puideron ser cubertas polos xuvenís, que lograban un sensacional terceiro posto no campionato de España, o Cisne caeu en Gijón a consecuencia dun mal primeiro tempo, no que as habituais desconexións leváronlle a estar moitos minutos sen anotar, ante un Grupo Covadonga que necesitaba gañar para seguir con opcións de permanencia.
Os pontevedreses viaxaron a terras asturianas con só 13 xogadores, o que se deixou notar no rendemento do equipo, sendo incapaces de frear o acerto goleador de Víctor Álvarez (11 tantos), cun frouxísimo rendemento defensivo na primeira metade, na que nos primeiros 24 minutos encaixaran nada menos que 16 goles.
Pero, ademais desa frouxa defensa, os de Jabato tiveron unha vez máis o seu lunar habitual, tras uns comezos de partido igualados, que lle fixeron pasar do 5-7 favorable, aos sete minutos de xogo, ao 12-8 no minuto 19, cun parcial de 7-1 neses doce minutos, que os locais non desaproveitarían para irse ao descanso xa cunha clara vantaxe (17-12).
A lixeira melloría galega na segunda parte non lle deu máis que para empatar o parcial dese segundo período, pero sempre sen poñer en perigo nin inquietar sequera a un Grupo Covadonga que xa non deixou que a súa renda baixase nunca dos tres goles, cunha máxima de sete, para terminar vencendo con claridade (30-25) e manter as súas opcións de conservar a categoría, agora nun triplo empate a puntos con Amenabar e Villa de Aranda, para eludir a última praza de descenso.
Consulta as estatísticas do partido entre Grupo Covadonga e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Unha polémica arbitraxe condena o Cisne fronte a BM Nava (24-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne xuvenil fai historia ao meterse entre os catro mellores equipos de España
Por Redacción |
-
Triunfo sen brillo do Cisne sobre BM Madrid (30-24) para asegurar a permanencia
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
A necesidade do Villa de Aranda supera ao Cisne nos últimos minutos (26-21)
Por Redacción |