Maio, mes clave para o futuro do Teucro
Por Diego Espiño
Unha vez confirmada a saída de Quique Domínguez tras catro tempadas como máximo responsable deportivo do equipo, a directiva da Sociedad Deportiva Teucro traballa xa na planificación da próxima tempada, na que volverá competir na Liga Asobal.
A intención dos dirixentes é deixar case pechada a estrutura do equipo antes de que finalice este mes de maio, é dicir, confirmar o novo corpo técnico e a columna vertebral do plantel, na que se espera reter ao máximo de xogadores posibles.
En canto ao primeiro, personalizado na figura do adestrador, dúas son as opcións que conta o club sobre a mesa, a de apostar pola opción de casa personalizada en Luís Montes, actual segundo adestrador e responsable do filial de Primeira Nacional, ou buscar un técnico con experiencia na máxima categoría.
Por outra banda, xa se deron os primeiros pasos na configuración do equipo, falando cos xogadores que, por contrato, contaban cunha opción de prórroga que vencía co mes de abril. É o caso dos laterais Andrés Moyano, Bruno de Castro e Rial e tamén do pivote Samu Gómez.
Con respecto ao resto do plantel, será da man do novo adestrador cando se intensifique a rolda de contactos, pero a intención é lograr a continuidade de boa parte dos actuais membros do equipo.
Nesa lista non estarán xa con seguridade dous dos pesos pesados desta tempada. Yoan Balázquez, unha das revelacións do ano en Asobal, ten contrato en vigor co Porto e adquiriu un gran cartel que dificulta a súa continuidade na Boa Vila, mentres que no de Borja Méndez, que declinou a opción de negociar co Teucro, o seu destino apunta ao Anaitasuna navarro.
Un mes por tanto de intensa actividade nos despachos para deixar encamiñado o próximo proxecto azul, aínda que a guinda poñerana máis adiante as fichaxes que, agardan, acheguen o salto de calidade necesario para volver pelexar con garantías pola permanencia.
Relacionadas:
-
Samu Gómez convértese primeira renovación Teucro
Por Redacción |
-
Toño Puga volve facerse cargo da preparación física do Teucro
Por Redacción |
-
O Teucro fai oficial a elección de Luis Montes como adestrador do primeiro equipo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Quique Domínguez anuncia entre bágoas a súa saída do Teucro
Por Diego Espiño & Miguel Álvarez Fandiño |
-
O Teucro celebra en Cuenca a súa derrota máis doce (28-27) tras asegurar a permanencia en Asobal
Por Redacción |