O Maratón de Fátima en Campelo aposta pola tradición
Por Redacción
"Somos tradición", reza o lema do Maratón de Fátima. E non é para menos, xa que a popular proba deportiva cumpre nesta ocasión 31 primaveras.
Campelo volverá ser escenario da cita, o sábado 12 de maio, cun programa de actividades que se completa cunha andaina, unha clase de zumba ou xogos infantís.
A praza da Granxa será o epicentro da xornada, iniciándose ás 17:00 horas coa andaina de 4 quilómetros na que non será necesario tramitar inscrición. Ás 18:00 horas comezarán as carreiras de menores e tamén se procederá á clase aberta de zumba, mentres que ás 18:45 horas disputarase a carreira absoluta cun percorrido de 6,4 quilómetros.
As inscricións, tanto para as categorías inferiores como para a carreira absoluta, son de balde pero deben formalizarse antes do día 9 de maio a través da plataforma www.championchipnorte.com.
O XXXI Maratón de Fátima está organizado pola Asociación de Veciños de Campelo coa colaboración do Concello de Poio.