Meritorio empate do Leis ante o campión de liga
Por Redacción
O Leis Pontevedra demostrou de novo ante o xa campión de liga da Segunda División B que foi de menos a máis ao longo da tempada. Xa coa permanencia no peto, os pontevedreses destapáronse na pista do Pavillón Municipal dos Deportes cun partido eléctrico ante o Zamora (5-5).
A repartición de puntos pode considerarse xusto, despois dun duelo de alternativas.
Tras uns minutos iniciais de tenteo, Manu Cossío apostou polo xogo de cinco en cancha para manter a posesión do balón e controlar o tempo do partido. Funcionou a estratexia e pouco despois os locais anotaban o primeiro tanto por medio de Berto. O Zamora igualou a continuación nun erro, pero antes do descanso o Leis golpeou de novo para tomar vantaxe con goles de Iago e Nico.
O panorama cambiou na continuación, co Zamora tirando de galóns para, con maior intensidade, igualar en apenas 4 minutos. Os visitantes prolongaron o momento ata poñerse 3-5, pero o Leis esperou o seu momento para, de novo con porteiro-xogador, axexar ao seu rival.
Así chegarían nos minutos 35 e 37 os goles de Dani e Berto que facían xustiza no electrónico. Nos instantes finais o choque puido desnivelarse para calquera, pero ambos tiveron que conformarse cun empate que deixa aos de Manu Cossío na décima posición con 29 puntos.