Galicia, dominadora do Campionato de España de Orientación MTB celebrado en Pontevedra
Por Redacción
Ángel García ( Brigantia Aventura) e María del Mar Delgado (O Pasatempo de Betanzos) adxudicáronse esta fin de semana o título nacional no Campionato de España de Orientación en bicicleta de Montaña, puntuable tamén para o Campionato Ibérico Feminino, celebrado en Pontevedra.
A competición, organizada polo Club Aromon Montañeiros A Roelo en colaboración da Federación Galega e a Española de Orientación, celebrouse con dúas xornadas no Monte Xiabre, tanto en Caldas de Reis como o Vilagarcía, e o Pontillón do Castro.
Case 250 ciclorientadores de toda a península participaron en tres probas: distancia longa, distancia media e sprint.
Galicia foi a gran dominadora da competición, levando 12 das 18 medallas en xogo e proclamándose campioa por comunidades seguida de Madrid e Estremadura.
A mañá do sábado acollía a distancia longa nas inmediacións do Monte Xiabre. Un acusado desnivel marcou a carreira, definida polos orientadores que chegaban a meta pola súa dureza. Ángel García e Mar Delgado facíanse coas vitorias en categoría sénior, mentres que Ana Varela (Brigantia Aventura) e Verónica Montes (O Pasatempo) levaban a prata e o bronce femininos. Pola súa banda, o andaluz Juan Francisco Marín (Sherpa Raid Kids) e o catalán David Toll (CEOBTT) completaban o podio masculino.
Tamén o sábado celebrouse a distancia sprint cunha saída en masa, sendo o ouro elite para o estremeño Francisco Javier Muñoz (Altair) e a galega Teresa Barreira (Vizhoja-Cornelios), completando o caixón de honra Ana Varela (Brigantia) e Ángel García na segunda posición e Mar Delgado (O Pasatempo) e Alberto Taboada (O Pasatempo) na terceira.
Por último foi quenda, xa o domingo e no Pontillón do Castro, da distancia media, na que venceron de novo María del Mar Delgado e Ángel García, con Teresa Barreira e Francisco Javier Muñoz (Altair) segundos e Verónica Montes e Jesús Bermejo (Randobike) na terceira praza.