Marcón e Campo Lameiro complícanse e o Sanxenxo queima as súas últimas naves
Por Redacción
Era un partido marcado en vermello no calendario para o Marcón Atlético, que rendeu visita ao Pontellas (4-2), rival directo co que chegaba empatado a puntos na clasificación da Preferente.
O vencedor daría un importante paso para afastarse da sombra dos arrastres, e ese foi o conxunto local, nun partido no que os pontevedreses non estiveron cómodos.
Antes de chegar á media hora de xogo o Pontellas vencía por dous goles a cero, e ampliaba a súa vantaxe tras o descanso ante un Marcón impotente. Sapi recortou distancias a 8 minutos do final, pero os de Borja Burgos non conseguiron achegarse á remontada e viron como o que chegaba era a sentenza, xa no último minuto.
Tras a derrota os do Carrasco seguen no posto 13 con 39 puntos, pero quedan sen marxe con respecto aos seus inmediatos perseguidores.
Consulta a acta do Pontellas-Marcón Atlético.
Tamén perdeu o Campo Lameiro, no seu caso no campo do Unión Grove (2-0) e ve complicarse as súas opcións de permanencia por eses temidos arrastres.
Os de Romario víronse superados por un conxunto que nada se xogaba e que se adiantou pasada a media hora cun gol de Rubén Carreira. Así se chegou ao descanso, e xa na segunda metade os verdes tentaron buscar a igualada sen premio. O que chegaría sería a sentenza local cun tanto en propia meta, de Sergio, a cinco minutos do final.
Aínda que con todo aberto aínda, este resultado deixa ao Campo Lameiro no posto 16 con 36 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Campo Lameiro.
O que non renuncia aínda a tentar xogar, canto menos, a promoción de ascenso, é o Xuventú Sanxenxo, que venceu en casa a un Estradense (1-0) que pasou de líder a cuarto clasificado tras tres derrotas consecutivas.
Un gol de Cristóbal Domínguez aos 34 minutos decidiu un encontro tremendamente disputado, que se mantivo aberto ata o final a pesar de que os visitantes xogaron a última media hora cun home menos pola expulsión de Jorge Casal.
Os amarelos seguen desta forma sétimos con 59 puntos, a 7 do terceiro e cuarto posto e a 8 do ascenso directo cando restan 12 puntos en xogo.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Estradense.
Derrota pola mínima do Beluso a domicilio ante o Bande (1-0), inmerso na pelexa polos primeiros postos.
Os de Bueu mostráronse moi sólidos durante todo o partido, e só un tanto de Karim no minuto 84 conseguiu desnivelar a balanza en favor dos locais.
A pesar da derrota o Beluso segue nunha cómoda décima posición con 50 puntos.