Sylla guia ao Arosa, o Ribadumia evita riscos, cae o Céltiga e o Villalonga pesca en río revolto
Por Redacción
Xornada positiva para Arosa, Ribadumia e Villalonga e tropezo dun Céltiga que cae na casa fronte a un dos favoritos. Os arosistas vencen a domicilio a outro dos aspirantes, como é o Barco, mentres que Ribadumia consegue a tranquilidade case definitiva desfacéndose do Silva e sumando tres puntos que deben deixarlle a salvo de calquera arrastre, algo que non poden dicir os da Illa, mentres o Villalonga apraza o seu descenso matemático á conta dun Boiro en crise institucional.
Na Senra o Ribadumia recibía a un sempre incómodo Silva, pero os aurinegros están en bo momento e demostrárono cunha apurada, aínda que xusta vitoria, fraguada na segunda parte, coa que o equipo adestrado por Luís Carro respira a salvo de calquera problema.
Tras un primeiro tempo sen goles, Josiño adiantaba aos locais cando se cumpría a hora de partido, pero o Silva lograba empatar por medio de Joao Paulo, dez minutos máis tarde.
O tanto da vitoria conseguíao Pablo Mota, a dez minutos do final.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Silva nesta ligazón.
Case tres meses leva o Barco sen gañar en Calabagueiros e tres derrotas consecutivas eran o preocupante cartón de presentación dos ourensáns nun partido transcendental para a loita polo play-off. Diso aproveitouse un Arosa serio e eficaz, que tivo en Sylla ao seu estilete para conseguir a vitoria e con ela quedar nun man a man co Somozas, empatados a puntos no cuarto posto.
A regularidade dos de Jorge Otero está a permitirlles unha remontada na que non moitos crían a metade de tempada, ata situarse como un claro aspirante a loitar polo ascenso de categoría, especialmente tendo en conta a dinámica positiva na que chegan os arosistas.
Sylla sería protagonista estelar, cos dous primeiros goles visitantes, aínda que o colexiado adxudicou o primeiro a Cristóbal Juncal en propia porta. Sería no minuto 39. O Barco igualaba nada máis comezar a segunda parte, por medio de Raly, pero de novo Sylla aparecería para marcar aos 79 minutos, nun oportuno remate de cabeza.
Co Barco buscando a igualada, no desconto (minuto 95) o Arosa sentenciaba co terceiro gol, obra de Julio Rey.
Consulta o acta do partido Barco-Arosa nesta ligazón.
Nun partido disputado no que apenas se notou a diferenza clasificatoria en canto a xogo, decidiu a calidade dos visitantes na definición para levar un partido que deixa ao Céltiga mirando aínda con receo os postos de abaixo, mentres o Bergantiños mantén o seu rifado pulso co Compostela polo título ligueiro.
Rodri Alonso abría o marcador aos 22 minutos, pero o Céltiga non se rendeu e tivo as súas ocasións que non foi capaz de aproveitar.
A igualdade terminou no momento en que foi expulsado o xogador local Paco, ao ver dous cartóns amarelos en apenas seis minutos (minuto 69), o que aproveitou o conxunto de Carballo para sentenciar cando Rubén Rivera empuxou con comodidade un centro desde a dereita.
Consulta o acta do partido Céltiga-Bergantiños nesta ligazón.
Respectou o Villalonga a protesta dos xogadores do Boiro, pero logo "pescaron" en río revolto para aprazar, polo menos unha semana máis, o seu descenso matemático. Os locais plantáronse durante o primeiro minuto de xogo ao levar tres mensualidades sen cobrar e ante a manifestación da directiva branca de que non poderán pagarlles durante o resto de tempada.
Esa situación e o enrarecido ambiente que reinaba en Barraña, con serias dúbidas sobre a supervivencia do equipo branco, deixáronse notar nun partido no que o deportivo quedou nun segundo plano e que o Villalonga inclinou moi pronto ao seu favor.
En apenas cinco minutos os visitantes lograban os goles que lle darían o triunfo. Alberto anotaba o primeiro ao fío da media hora de partido, e Aarón Paredes facía o segundo aos 35 minutos.
A segunda parte foi un quero e non podo por parte dos xogadores locais, coa cabeza máis posta nos problemas extradeportivos que atravesa o conxunto boirense.
Consulta o acta do partido Boiro-Villalonga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Sálvase o Ribadumia, o Arosa segue en play-off e o Céltiga complícase
Por Redacción |
-
Remonta o Arosa ao Céltiga nun intenso derbi, cae o Ribadumia e confirma o descenso o Villalonga
Por Redacción |
-
As dúas últimas xornadas da Terceira División terán horario unificado
Por Redacción |
-
Empate entre aspirantes na Lomba, gañan Ribadumia e Céltiga e outra derrota do Villalonga
Por Redacción |
-
O Arosa achégase á cuarta praza, o Ribadumia gaña tranquilidade e o Villalonga non reacciona
Por Redacción |
-
O Céltiga non pode cun Barbadás en inferioridade (0-0)
Por Redacción |