O rugby pontevedrés internacionalízase
Por Redacción
O traballo de base do Pontevedra Rugby Club (PRC) traspasa fronteiras para achegar, ademais de coñecementos deportivos, experiencias vitais e de convivencia para os seus xogadores e en idade de formación.
O club pontevedrés recibirá durante os meses de maio e xuño a visita de ata tres equipos estranxeiros, concretamente de Irlanda, Italia e Portugal.
Estreará este particular 'Tour Pontevedra 2018' o Seahorses- Instonians RFC de Irlanda, cunha expedición de 20 nenos de 10 e 11 anos que visitarán as Rías Baixas do 18 ao 20 de maio e que se aloxarán na cidade de Lérez. Ademais teñen previsto participar nun torneo organizado en Vilagarcía polos Ingleses.
Tomará a testemuña o US Firenze Rugby italiano, da cidade de Florencia, que devolverá a visita realizada polo PRC a pasada tempada cunha estancia de tres días, finalizando este periplo o Rugby Agraria de Coimbra (Portugal), que no mes de xuño desprazarase ata a Boa Vila cos seus equipos Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14 e Sub-16 para competir cos pontevedreses.
XORNADA DE CONVIVENCIA COAS ESCOLAS DE RUGBY GALEGAS
A pesar de chegar ao final da tempada nas categorías absolutas, a actividade non para no rugby galego en canto ás súas categorías de formación, que se reunirán o vindeiro sábado 21 de abril no campo de Monte Porreiro nunha xornada de convivencia á que se convocou ás escolas deportivas de Galicia.
Confirmaron a súa participación neste evento clubs como o CRAT Coruña, CR Ferrol, Muralla de Lugo, Campus Ourense, Lalín RC, Os Ingleses de Vilagarcía, Asociación Valentes de Santiago e Universidade de Vigo, e ademais comparecerá en calidade de convidado o RGC Covadonga de Xixón.
En Monte Porreiro reuniranse máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos nunha actividade que se prolongará desde as 11:00 ata as 14:00 horas.