O Trofeo 'Las Anclas' da Escola Naval, ante a súa edición máis internacional
Por Redacción
Volve unha das regatas con máis soleira do panorama galego, nacional e agora tamén internacional, o Trofeo 'Las Anclas' que organiza a Escola Naval Militar de Marín.
Na que será a súa edición número 51, o sábado 21 de abril e o domingo 22, daranse cita na ría de Pontevedra ata 70 embarcacións procedentes de toda España, Portugal e Francia. Ademais, dentro da II Regata Internacional de Academias Navais tomarán parte equipos militares destes tres países e de Polonia, Bulgaria e Romanía.
Por parte da Escola Naval Militar de Marín participarán dous equipos de gardamarinas.
A competición disputarase na clase Snipe, con embarcacións tripuladas por dúas persoas, unha eslora de 4,7 metros e unha superficie vélica de 11 metros cadrados.
Entre os inscritos destaca a presenza dos actuais subcampións do Mundo, os canarios Gustavo e Rafael del Castillo, gañadores da pasada edición, o Secretario Nacional e Europeo da Clase Snipe, Martín Bermúdez de la Puente, os campións nacionais de Portugal e Bélxica e os campións e subcampións do mundo xuvenís, así como o campión olímpico na clase Tornado, Fernando León, que foi bronce no Europeo desta modalidade no ano 2007.
As regatas disputaranse nas inmediacións da Escola Naval de Marín, o que permitirá que se sigan con facilidade desde a costa. Serán tres probas por xornada, comezado ás 14:00 horas do sábado e ás 11:30 horas do domingo.