Barcelona, Unicaja Jaén e Caja de Burgos, rivais da Gimnástica na segunda xornada de División de Honra
Por Redacción
A Sociedad Gimnástica xa coñece cales serán os equipos aos que se enfrontará na segunda xornada da División de Honra de atletismo fixada para o próximo 18 de maio.
O equipo pontevedrés, despois que quedar segundo do seu grupo na primeira cita da competición, enfrontarase agora ao gañador do Grupo B, o Fútbol Club Barcelona, o terceiro do Grupo D, Unicaja de Jaén, e o cuarto do Grupo A, o UBU Caja de Burgos, nunha sede aínda por confirmar pero que apunta precisamente a esta última cidade, Burgos.
Coas marcas realizadas polos catro conxuntos na primeira xornada, a Gimnástica aspira a repetir o segundo posto de Aranjuez, o que lle garantiría loitar polo título na xornada final e o máis importante, asegurar a permanencia na máxima categoría do atletismo nacional sen pasar apuros. O que parece inviable é superar a un dos equipos máis potentes de España, o FC Barcelona.
Despois da primeira xornada o bloque pontevedrés está situado na oitava posición da clasificación provisional, sendo o último dos equipos que entraría na loita polo título.