Despedida ligueira con bo sabor de boca para o Arxil que se impón a Basket Mar Gijón (67-60)
Por Redacción
Con todo decidido o Arxil recibía na pista do CGTD a un Basket Mar Gijón que xogou ata o final co perigo para salvar a categoría con moitos apuros, no partido que pechaba tempada na liga Feminina 2, coas pontevedresas ocupando o noveno posto final, nun ano marcado pola irregularidade e as dificultades xeradas por un plantel curto e a escasa achega das xogadoras estranxeiras coas que este ano non se acertou.
Pero as pontevedresas tiñan un importante motivo para terminar cunha vitoria que dedicarlle á a súa capitá, a veterana Ana Martín, que se retira tras nada menos que 17 tempadas no club verde. Foi o seu último partido como arxilista e puido participar dun triunfo máis axustado do previsto, cimentado nun bo primeiro cuarto, que non tivo continuidade nos seguintes, todos eles presididos por unha igualdade case absoluta.
Foron determinantes eses dez primeiros minutos, nos que o Arxil vía aro con facilidade, na mesma medida que pechaba a súa defensa, para anotarse ese parcial inicial por 21-14.
Baixou a achega no segundo cuarto, que se saldou con vantaxe mínima das asturianas (17-18) para retirarse ao descanso co equipo de Mayte Méndez mandando, aínda que por unha curta marxe (38-32).
A continuación non foi mellor para o Arxil, que tivo moitas dificultades para atopar o aro rival, pero polo menos soubo defender con acerto para ceder soamente por dous puntos (10-12) e entrar nos últimos dez minutos con vantaxe de catro puntos (48-44).
Foi suficiente. As verdes souberon manter a calma. Con Carla Fernández inspirada no tiro exterior, asinando nada menos que 19 puntos e un excelente 5 de 8 intentos nos triplos, o Arxil impúxose nos últimos dez minutos (19-16) para levar a vitoria (67-60).
Consulta as estatísticas do partido Arxil-Basket Mar Gijón nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Chantel Charles non acepta a oferta de Arxil
Por Redacción |
-
Máis profundidade de banco no próximo proxecto do Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil sobrevive a unha tempada convulsa e xa pensa no próximo curso
Por Redacción |
-
O Cortegada leva un descafeinado derbi ante o Arxil (80-68)
Por Redacción |
-
Orgullo arxilista polos seus 33 anos de vida
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Cambia de rexistro o Arxil para impoñerse ao Barça CBS (76-65)
Por Redacción |