O Tenis de Mesa Monte Porreiro xogará na casa polo ascenso á máxima categoría
Por Diego Espiño
A actual está a ser "unha tempada difícil de repetir" para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, que clasificou aos seus dous equipos absolutos, o feminino e o masculino de División de Honra, para a fase de ascenso á Superdivisión, a máxima categoría estatal.
Así o catalogaron os responsables do club na presentación de ambas as dúas fases de ascenso, cuxa organización asignou ao club pontevedrés a Real Federación Española de Tenis de Mesa, acompañados da concelleira de Deportes Anxos Riveiro e da deputada provincial Digna Rivas.
Desta forma ambos xogarán o ascenso en casa, no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe, empezando os días 21 e 22 de abril no caso do conxunto feminino e seguindo o 7 e 8 de maio co masculino, que chegará á cita como campión do seu grupo e por tanto con máis opcións de lograr o salto de categoría.
"Se conseguimos ascender de categoría estaríamos entre os 12 mellores equipos", sinalou o canteirán Nacho Fernández, xogador do primeiro equipo masculino e que ve aos seus con moitas opcións. "Se gañas o primeiro partido ascendes e senón tes outra posibilidade", explicou sobre a vantaxe de chegar como primeiro da súa liga.
En Pontevedra daranse cita seis equipos, os tres primeiros de cada grupo de División de Honra. Os campións enfrontaranse directamente nun encontro no que o vencedor ascenderá, mentres que os segundos e terceiros afrontarán dous encontros entre si ata chegar a enfrontarse noutra final ao primeiro clasificado perdedor no primeiro envite.
Pola súa banda para o equipo feminino, que arrincou de maneira irregular a tempada pero que protagonizou unha remontada espectacular na táboa, "es un premio poder jugar la fase de ascenso", asegurou a súa xogadora Noelia Santiago.
En ambos os dous casos os encontros disputaranse ás 10:00 e as 18:00 horas do sábado e ás 11:00 horas do domingo, con entrada de balde para o público.