O Arosa achégase á cuarta praza, o Ribadumia gaña tranquilidade e o Villalonga non reacciona
Por Redacción
Importante vitoria a conseguida este domingo polo Arosa para manterse na pelexa por entrar no play-off de ascenso á Segunda División B.
O conxunto arlequinado impúxose a domicilio ao Cultural de Areas (1-3) nun duelo que madurou e no que decidiu tras o descanso.
Adiantouse o Arosa aos 12 minutos de xogo por medio de Marcos, aínda que o Areas logrou igualar xusto antes do descanso. Os de Jorge Otero devolveron o golpe 2 minutos despois da continuación e tiveron que empregarse a fondo ata os minutos finais, cando Carlos sentenciou co definitivo 1-3.
Coa vitoria o Arosa sobe á sexta praza e recorta a só un punto a súa distancia co terceiro e cuarto clasificado.
Consulta a acta do Cultural Areas-Arosa.
Tres puntos para a tranquilidade do Ribadumia, que se impuxo na Senra ao Arenteiro nun encontro de resultado incerto ata o final (1-0).
Os aurinegros venceron a un rival directo e toman unha importante vantaxe non só coa zona de descenso directo, senón coa de posibles arrastres a final de tempada.
Con todo o triunfo chegou nunha acción afortunada, aos 69 minutos de xogo, cun gol en propia porta de Dani Portela. Tras o tanto o Ribadumia conseguiu defender o resultado con acerto.
Este triunfo deixa ao equipo da Senra na duodécima posición da Terceira División con 40 puntos.
Consulta a acta do Ribadumia-Arenteiro.
Non levanta cabeza o Villalonga, que ve preto o seu descenso a Preferente despois de caer no campo do Laracha (2-0).
Os celestes non conseguiron dar continuidade ao seu último triunfo a pesar de manterse no choque ata o último cuarto de hora, cando o Laracha declinou a balanza ao seu favor con goles no 79 e o 84 de xogo.
Tras a derrota o Villalonga segue como pechacancelas do grupo con 21 puntos, a 10 da salvación.
Consulta a acta do Laracha-Villalonga.
Cuarta xornada sen gañar do Céltiga, que a pesar diso conseguiu frear a domicilio a un dos equipos da zona alta como é o Somozas (0-0).
Un empate sen goles que fai ao equipo da Illa estar na décimo terceira posición con 35 puntos, preto dos postos de perigo.
Relacionadas:
-
Sylla guia ao Arosa, o Ribadumia evita riscos, cae o Céltiga e o Villalonga pesca en río revolto
Por Redacción |
-
Empate entre aspirantes na Lomba, gañan Ribadumia e Céltiga e outra derrota do Villalonga
Por Redacción |
-
Empata o Arosa co líder, complícase o Céltiga e o Villalonga sorprende ao Ribadumia
Por Redacción |