O Memorial Valenciaga e a Clásica de Pascua, no punto de mira do Froiz
Por Redacción
Despois dunha semana de parón competitivo, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz retoma a actividade e faino en dúas carreiras de longa tradición, a nivel nacional e autonómico.
Por unha banda o equipo alimenticio afronta a cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 en estrada cunha das probas "con máis historia, máis duras e bonitas do ciclismo amateur", recoñecen, como é o Memorial Valenciaga na localidade vasca de Eibar que chega á súa 47 edición.
A Copa de España chega ao seu momento decisivo, con carreiras seis semanas consecutivas que decidirán o seu gañador, e o Froiz aspira a achegarse aos primeiros postos da xeral.
O Memorial Valenciaga, con 165 quilómetros de percorrido, caracterízase por contar cun trazado esixente no que figuran ata seis ascensións puntuables e que previsiblemente se verá endurecida polas malas previsións meteorolóxicas para o vindeiro domingo 8 de abril, data da súa celebración.
Diego Noriega, Sergio Vega, Ander del Castaño, Diego González, Joan Ruiz, Aitor Bugarín e Aarón Mariño defenderán as cores do Froiz nesta cita.
Ademais a fin de semana complétase cunha das carreiras de maior tradición do calendario autonómico como a Clásica de Pascua de Padrón, que chega á súa 56 edición no seu caso o sábado día 7. Na proba padronesa competirán Miguel Gómez, Iván Martínez, Martín Lestido, Guillermo García, Abel Franco, Óscar Brea, Carlos Amil, Jesús Rodríguez e Miguel Montero.